Skip to main content

Compostela acolle Disorders, unha exposición artística colaborativa sobre saúde mental

A parte plástica do proxecto naceu coa vontade de ilustrar o libreto do disco, para o cal Carlos Morales contactou con Saúde Mental FEAFES Galicia. Deste xeito, catro persoas usuarias desta entidade e das súas asociacións membro realizaron un total de 14 cadros, os cales compoñen a exposición que agora visita Santiago de Compostela.

Deste xeito, a Biblioteca Pública Ánxel Casal acollerá, do 2 ao 16 de setembro, a mostra Disorders, unha exposición de pintura e ilustracións realizadas por persoas con problemas de saúde mental procedentes de distintos lugares de Galicia. Xolo, da asociación A Mariña (Cervo); Mª Reyes Fragueiro, de Saúde Mental FEAFES Galicia (Vigo); e Michel e Ith, de DOA Saúde Mental (Cangas do Morrazo), son os autores dos cadros que compoñen esta mostra, que se poderá visitar en horario de 08:30 a 14:30.

As obras ilustran as cancións do disco Disorders, que sairá á luz o vindeiro 4 de setembro en diversas plataformas dixitais e na web fearofmissingoutproject.com. Cada canción está inspirada nun problema de saúde mental contado dende a propia experiencia dos autores, polo que os cadros ilustran doenzas como a depresión, a esquizofrenia ou trastorno bipolar, entre outros. As obras están realizadas en diversos soportes e utilizando técnicas variadas, dende óleo sobre lenzo ata bolígrafo sobre papel, incluíndo outras técnicas como acuarela, rotulador ou lapis.

O obxectivo deste proxecto é achegar un grao de area na loita contra o estigma que pesa sobre os problemas de saúde mental, un tema tabú que esta iniciativa pretende sacar á luz con normalidade, respecto, e empatía. A exposición tamén busca amosar as capacidades artísticas destas persoas. A mostra foi inaugurada en Cervo o pasado mes de xuño, e tras o seu paso por Compostela está previsto que visite outras cidades como A Coruña, Vigo ou Cangas do Morrazo.

Os problemas de saúde mental, unha realidade invisible

Segundo a Organización Mundial da Saúde, unha de cada catro persoas terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida. A pesar da súa enorme prevalencia, os problemas de saúde mental son moi pouco coñecidos e existe un gran estigma arredor das persoas que os padecen.

Por iso, é fundamental dar a coñecer a realidade da saúde mental e facelo dende unha perspectiva normalizadora, integradora e positiva. Amosar as capacidades e as habilidades das persoas con problemas de saúde mental axuda a desterrar mitos e derrubar barreiras, creando unha sociedade máis acolledora onde se valore a riqueza da diversidade.
FEAFES Galicia