Skip to main content

A Fundación Xosé Neira Vilas presenta un libro e un audiolibro do autor para conmemorar o cuarto cabodano do seu pasamento

A localidade de Gres, no concello pontevedrés de Vila de Cruces, acollerá este martes 26 de novembro un dobre acto que servirá para lembrar o escritor Xosé Neira Vilas no cuarto aniversario do seu pasamento, que tivo lugar o 27 de novembro de 2015.

A partir das 11.00 horas renderáselle unha breve homenaxe no cemiterio de Gres, tras a cal se presentará na sede da Fundación que leva o nome do escritor o libro Xosé Neira Vilas. Vida e obra, publicado pola editorial compostelá Bolanda. Ao acto acudirá un grupo de alumnas e alumnos do colexio público do Foxo (A Estrada), centro co que Neira Vilas sempre mantivo un vínculo moi especial, e que nesta ocasión ofrecerán unha pequena representación teatral.

Libro biográfico e audiolibro de Contos vellos…

O libro presenta unha biografía do prezado autor cun amplo álbum fotográfico destinado especialmente a dar a coñecer a figura de Neira Vilas ás novas xeracións. Pero ademais, a publicación incorpora un código para acceder a un dos títulos máis destacados do autor, Contos vellos para para rapaces novos, en formato audiolibro. Unha boa forma de achegarse a unha obra na que Neira Vilas recompilou algúns dos contos máis destacados da tradición oral dos cinco continentes.

A sede da Fundación, casa natal de Xosé Neira Vilas e que acolle o Centro Cultural de Gres, continúa, con este novo acto, coas tarefas de difusión e promoción da obra do autor das Memorias dun neno labrego que se concretan a través das actividades culturais desenvolvidas durante todo o ano.
Fundación Xosé Neira Vilas