Skip to main content

'Educar é amar', a conferencia que o experto en Psicoloxía do Liderado Álex Rovira ofrecerá no ciclo 'Educación século XXI'

O escritor, economista, conferenciante internacional e consultor Álex Rovira será o seguinte relator en participar no ciclo coa conferencia «Educar é amar». Estará o mércores 11 de decembro, ás 19.00 h, na Sede Afundación de Pontevedra, e o xoves día 12, tamén ás 19.00 h, no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela. A asistencia é de balde, pero é necesario inscribirse previamente na web Ataquilla.com.

A súa conferencia, baseada no seu último libro Amor, propón un novo xeito de entender e promover a enerxía máis poderosa das persoas: a que nos une ás demais. O amor é comprender, coidar, inspirar. Unha invitación á reflexión para elevar a calidade do noso vínculo co alumnado, coas nosas fillas e fillos, e xerar unha rede positiva e necesaria de relacións interpersoais que desemboque en actitudes máis receptivas, atentas e agradecidas. A unión e a confianza deben imperar nos espazos familiares e profesionais. Ás veces, nas nosas casas podemos perder esta unión positiva que nos inspira, e nas aulas, en xeral, desde a docencia seguimos atrincheirados na distancia e a desconfianza. Álex Rovira achegará as claves para que isto non suceda, valorando e aprendendo a xestionar o poder máis importante que temos: a capacidade para amar.

Álex Rovira é economista e MBA por ESADE, é recoñecido internacionalmente como impulsor do Self Management e un dos maiores expertos en Psicoloxía do Liderado. Colabora habitualmente con prestixiosas institucións académicas impartindo seminarios para a alta dirección sobre temas relacionados coa xestión das novas organizacións: Xestión do Talento, Xestión de Persoas e Cambio Cultural.

Autor de numerosos libros, como La brújula interior e Los siete poderes, foi La buena suerte a súa obra de maior impacto internacional, editada en 42 idiomas, cun éxito sen precedentes na literatura de non ficción española, vendeu máis de oito millóns de copias e recibiu o premio ao mellor libro do ano en Xapón no 2004. Imparte conferencias por todo o mundo e colabora habitualmente con distintos medios de comunicación nacionais e internacionais, entre os que se atopa a revista xaponesa de psicoloxía Psiko.

PROGRAMA «EDUCACIÓN SÉCULO XXI»

Afundación iniciou en 2017 o ciclo de conferencias «Educación século XXI», un programa de conferencias que pretende difundir as últimas novidades en formación e ensino, abordando diferentes enfoques sobre a docencia, e á súa vez reunir á comunidade docente, parental e o estudantado. Máis de 5000 persoas xa asistiron a estas charlas que este curso de estenderán tamén a outras localidades fóra de Galicia.

A ÁREA EDUCATIVA DE AFUNDACIÓN, A OBRA SOCIAL DE ABANCA

O obxectivo no campo formativo de Afundación está definido pola vocación ao redor dunha educación comprometida mediante a defensa dun sólido sistema educativo integral. Partindo da importancia da escola como centro de aprendizaxe, as propostas de Afundación pretenden complementar o ensino académico, especialmente a instrución, presentando uns espazos e unhas actividades que mesturen o lúdico e o formativo co fortalecemento de valores esenciais para unha sociedade cohesionada. Deste xeito, a entidade está comprometida coa tolerancia, co respecto, coa solidariedade e, por suposto, coa adquisición por parte de cada nena e de cada neno das ferramentas necesarias para perseverar na adquisición da súa autonomía persoal.

As propostas da Área Educativa de Afundación abarcan múltiples disciplinas e fomentan o desenvolvemento de competencias transversais. Así, o seu programa inclúe actividades culturais en artes escénicas e plásticas e de fomento da lectura; actividades interxeracionais que reforzan o respecto e o intercambio de coñecementos entre mocidade e xente maior; actividades de educación ambiental para abordar a importancia do respecto polo medio; actividades de novas tecnoloxías, necesarias para o emprego das ferramentas imprescindibles nunha contorna que innova de maneira permanente; e actividades de cociña que ensinan os beneficios dunha alimentación saudable.
Afundación