Skip to main content

Nace NOR-WATER, rede de colaboración sobre contaminantes emerxentes na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

“Os contaminantes emerxentes son compostos de diversa orixe e natureza química cuxa presencia no medio ambiente non foi considerada no pasado e por tanto foron pouco estudados a nivel científico”, apuntan os impulsores da rede entre os que se atopa o profesor da USC José Benito Quintana. Comprenden unha ampla gama de compostos químicos, tales como fármacos, produtos de coidado persoal, retardantes de chama, axentes tensoactivos, plastificantes e aditivos industriais, entre outros. En moitos casos descoñécese se constitúen un risco para o medio ambiente, ou se presentan potenciais efectos adversos sobre a saúde. En 2015, a Unión Europea puxo en marcha unha lista de observación ou ‘Watch List’ para monitorizar, entre outros, estes contaminantes de cara a unha posible regulación no futuro.

Neste contexto, o proxecto NOR-WATER, financiado polo Programa de Cooperación INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 e iniciado en abril de 2019, ten como principais obxectivos identificar os contaminantes emerxentes e as súas fontes nas concas do Norte de Portugal e Galicia, desenvolver novos métodos analíticos e ferramentas para monitorizar e predicir o seu comportamento e riscos ecotoxicolóxicos e desenvolver sistemas de tratamento das augas residuais que favorezan a súa eliminación. “En paralelo, contémplanse actividades de educación e sensibilización así como accións para promover a transferencia dos resultados ás administracións competentes e ás empresas tecnolóxicas a cargo da depuración de augas”, continúan os impulsores.

A Rede NOR-WATER créase con vocación de expansión e continuidade máis alá do consorcio actual e da vida do proxecto e está aberta á participación, entre outros, de administracións e axencias gobernamentais a cargo do control, monitoraxe, xestión e/ou mellora da calidade de augas; laboratorios de monitoraxe e control, empresas encargadas da depuración de augas, empresas de desenvolvemento tecnolóxico, organismos de investigación centros tecnolóxicos e asociacións ambientais, así como organizacións non gobernamentais que desenvolvan actividades relacionadas coa educación ambiental e a sensibilización en materia de calidade de augas.

As entidades interesadas poderán integrarse na rede a través dun formulario en liña que lles permitirá participar nas actividades da mesma, acceder a información e documentación relevante e entrar en contacto con organizacións complementarias.

Orzamento e consorcio

O proxecto conta cun orzamento de 579.475,40 euros, está coordinado polo Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) da Universidade de Porto, e nel participan a USC; a Consellería do Mar a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar); a Agência Portuguesa do Ambiente, IP–Administração dá Região Hidrográfica do Norte; as Cámaras Municipais de Viana do Castelo (Centro Monitorização e Interpretação Ambiental) e Vilanova de Cerveira (Aquamuseu do Río Minho); e o Laboratorio Asociado LSRE–LCM ( Laboratório de Processos de Separação e Reação- Laboratório de Catálise e Materiais) da Universidade de Porto.

NOR-WATER conta ademais coa colaboración de Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM), así como dun Consello Consultivo no que participan entidades públicas con competencias no marco da xestión das augas e a saúde como son EFACEC e Augas do Norte, por parte de Portugal, e Augas de Galicia, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Dirección Xeral de Saúde Pública (Consellaría de Sanidade - Xunta de Galicia) por parte de Galicia.
NOR-WATER