Skip to main content

As Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade, na rede

Organizadas pola Delegación de Pontevedra da SGHN coa colaboración da Universidade de Vigo, a Deputación Provincial e Espazo Arroelo, estas xornadas desenvolveranse de xeito telemático este sábado 28, reunindo no seu programa sete conferencias que permitirán afondar en cuestións como a conservación de hábitats prioritarios nos montes, a contaminación por metais pesados nas Rías Baixas ou as consecuencias que o abandono do rural galego está a ter na biodiversidade.

As IV Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade contan con inscrición gratuíta, sendo necesario cubrir un formulario electrónico de reserva de praza, dado o aforo limitado da sala virtual. “A SGHN é a organización de defensa ambiental galega máis veterana. É unha organización con base científica e unha voz relevante en moitas da materias de interese para o noso centro, os nosos egresados e o noso persoal docente e investigador”, salienta o director da EE Forestal, Juan Picos, respecto da colaboración que a escola mantén ano tras ano cunha entidade que é tamén membro do Comité Ambiental do programa Green Campos.

A conservación dos ecosistemas terrestres e mariños

Juan Picos e Xulio Valeiras, delegado da SGHN en Pontevedra, encargaranse de inaugurar unhas xornadas que, como sinala o director da EE Forestal, reúnen “unha selección de relatorios que recolle moitos temas de interese” para o centro, xa que varias delas céntranse “nos ecosistemas terrestres e nas actividades no medio rural”. A primeira das conferencias, de feito, será impartida por unha egresada da escola, Laura Lagos, do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, quen falará do proxecto Life in Common Land, centrado na conservación de hábitats prioritarios nos montes comunais da serra do Xistral. A ex-directora do Centro Oceanográfico de Vigo Victoria Besada impartirá o segundo relatorio, no que abordará a contaminación por metais pesados nas Rías Baixas. A terceira conferencia correrá a cargo de Fernando Martínez, do Centro de Investigação em Biodiversidade e Recursos Genéticos da Universidade de Porto, e estará centrado na conservación da víbora de Seoane (Vipera seoanei); mentres que Isabel Álvarez, da Sección Antela da SGHN, impartirá a conferencia Outra Limia é posible, pechándose o bloque matinal, ás 13.15, cun primeiro debate.

A actividade retomarase ás 16.00 horas coa presentación, por parte do investigador do Real Jardín Botánico (RJB-CSIC) Sergio Pérez Ortega, dos resultados de Liquencity, un proxecto de ciencia cidadá dirixido a avaliar a contaminación atmosférica nas cidades empregando os liques como indicadores. De feito, Pontevedra é unha das cidades participantes na súa continuación, Liquencity 2, un proxecto do que forman parte as investigadoras da EE Forestal Eugenia López de Silanes e Graciela Paz e que, unha vez a situación sanitaria o permita, buscará avaliar a calidade do aire na cidade coa colaboración dos centros educativos. Tamén pola tarde, terá lugar un relatorio sobre o abandono do rural e a perda de biodiversidade en Galicia, a cargo da investigadora da Universidade de Santiago de Compostela María Losada. Pechan o programa unha conferencia sobre a rede de observación da biodiversidade mariña en Galicia e no mar Cantábrico, a cargo de Eva Velasco, do Centro Oceanográfico de Vigo, xunto cun segundo debate, previsto para as 18.25 horas.
Sociedade Galega de Historia Natural