Skip to main content

O Obradoiro Internacional de Tradución Poética 'Con barqueira e remador' presenta unha edición on-line e enteiramente feminina

No Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres preséntase aos medios a nova edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador, que alcanza neste 2020 a súa xa novena edición anual consecutiva.

Comprometida sempre coa igualdade e mais coa diversidade sexo/xénero das persoas participantes ano tras ano, nesta ocasión a iniciativa coordinada por Yolanda Castaño presenta unha edición ben especial: será enteiramente on-line e tamén enteiramente feminina. Se tradicionalmente encontran máis dificultades para conciliar vida profesional, familiar e traxectoria literaria, este ano só mulleres se ocuparán dende as traducións poéticas até o deseño gráfico pasando pola dirección dun proxecto que se viña celebrando na illa de San Simón. Neste outono e por mor da pandemia, o espazo pasará a ser o virtual e a mostra pública do labor realizado vehicularase a través dun recital poético multilingüe emitido por streaming.

Impulsado unha vez máis pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e fundado en 2012 pola propia poeta e xestora cultural compostelano-coruñesa, do 30 de novembro ao 5 de decembro volverase reunir seis participantes que responden ao esixente perfil de seren poetas ben representativas dos seus territorios lingüísticos e posuíren á vez experiencia como tradutoras literarias. Así, e empregando o inglés como lingua franca, traduciranse as unhas ás outras nunha roda de intercambios na que cada poeta trasladará ás súas cinco compañeiras ao seu idioma mentres ela mesma é vertida ás cinco linguas das outras.

Este obradoiro de tradución colectiva e recíproca desenvolverá este ano as súas sesións intensivas de traballo a través da plataforma dixital á que se conectarán as poetas/tradutoras dende Beijing, dende a campiña polaca, dende o cantón italiano de Suíza, dende a capital eslovena, dende a illa de Mallorca e dende Marín. E tamén on-line será o evento capaz de compartir, con todo o público interesado, tanto os poemas orixinais das convidadas coma o labor de tradución desenvolvido, nomeadamente para o galego. Dito recital poético multilingüe terá lugar o xoves 3 de decembro ás 17h, a través do enlace: https://www.youtube.com/user/conselleriadecultura

En chinés, en polaco, en italiano, en catalán, en esloveno e en galego escriben as poetas Zhou Zan (Jiangsu, 1968), Grażyna Wojcieszko (Bydgoszcz, 1957), Laura Accerboni (Xénova, 1985), Laia Malo (Berga, 1984), Barbara Pogačnik (Ljubljana, 1973) e Lara Dopazo (Marín, 1985) respectivamente. Todas compartirán este rico intercambio no que, para alén do susodito departamento da Consellería de Cultura, colabora o Concello de Pontevedra. Ademais, e como cada ano, a Deputación de Pontevedra ocúpase de recoller –nun coidado volume dentro da súa colección Cíes– os textos poéticos e as traducións desenvolvidas ao longo de cada edición do Obradoiro. De feito, xa é unha realidade o libro froito da pasada edición, que quedara ao coidado do poeta rianxeiro Gonzalo Hermo. Leva por título “A alegría que emana despois do cativerio”. Ao mesmo tempo, outros participantes dan a coñecer o produto do Obradoiro nos seus países de orixe, e o propio Hermo xa viu a luz no Brasil, en Malta ou versionado en nepalés, entre outros moitos exemplos. Así se completa o círculo dun proxecto singular que contribúe á divulgación dun xénero como a poesía en linguas dende masivas a minoritarias.

Nesta edición ese maior protagonismo como anfitrioa lingüística e literaria da experiencia recaerá precisamente noutro dos nomes clave da poesía galega moza. Lara Dopazo Ruibal, que vén de presentar o seu último libro –O axolote (Galaxia, 2020)– hai só uns días, é a última gañadora do Premio Illa Nova con esa mesma obra, e será a encargada de verter ao galego estas novas poéticas contemporáneas de Europa e Asia, algunhas das cales non foron traducidas antes ao galego nin sequera ao castelán. Un novo gran de area que ha enriquecer o patrimonio da escrita internacional en tradución á nosa lingua.
Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador