Skip to main content

Sementeira no Camiño: O cinema e a poesía percorren o Camiño de Santiago do 9 ao 13 de xuño

Ademais, co fin de promover o intercambio de experiencias, no evento terán lugar faladoiros entre a xente local, os artistas e os peregrinos.

“Sementeira no Camiño é un proxecto que pretende dar a coñecer o Camiño de Santiago, pero tamén promover e difundir o patrimonio cultural de Galicia e dar visibilidade aos pequenos pobos percorridos polo Camiño”, explica Juan de Castro, director de Abella Producións, organizadora do evento.

A PROGRAMACIÓN

O traxecto comezará en Iria Flavia o mércores 9 de xuño ás 19.00 na Fundación Pública Galega Camilo José Cela. Nela proxectarase O apóstolo, de Fernando Cortizo. O filme, nomeado en 2012 aos Premios Goya coma mellor película de animación, conta a historia dun preso fuxido do cárcere que intenta recuperar un botín agochado anos antes nunha remota e solitaria aldea.

A continuación, seguiralle a poesía de Lúa Vila, poeta nada en Pontedeume e apaixonada das letras e da arte. Entre os últimos recoñecementos poéticos, foi gañadora do II Certame de Poesía do Concello de Cabanas, celebrado este mesmo ano co gallo das Letras Galegas.

O día seguinte, o xoves 10 ás 20.00 no Multiusos de Redondela poderase ver Footprints, de Juan Manuel Cotelo, que relata a historia documental de once mozos do deserto de Arizona que viaxan ata España para facer o Camiño de Santiago.

Unha vez rematada a obra, todos os asistentes poderán gozar coa poesía de Carolina Sertal, poeta redondelana que publicou en 2019 o seu primeiro poemario, Anguria, e que ven de gañar o segundo premio de poesía nos IV Premios Xuventude da Deputación de Pontevedra grazas ao seu poema Estatuas de Sal.

Xa o venres 11 de xuño ás 19.00 en Pontecesures, na Praza de Abastos, poderase ver Al final del camino, unha comedia de Roberto Santiago. O filme narra a historia dun fotógrafo e unha xornalista que, a pesares de que se odian, deben pasar por parella para facer unha reportaxe sobre Olmo, gurú que resolve crises de parella facendo o Camiño de Santiago. Ao longo de seis días por Galicia, vivirán todo tipo de aventuras e situacións do máis absurdas.

Finalizada a proxección, tocaralle a quenda a Cándido Duro Domínguez, poeta de Pontecesures que publicou obras coma Breixo. Monólogo dun traballador baixo a choiva, O xardín das matanzas, Só palabras como garabullos ou a súa última obra, publicada este ano: Luz do abrente outonizo.

O sábado 12 de xuño ás 20.00 en Cesantes, no Círculo Cultural Deportivo de Cesantes, proxectarase The Way, de Emilio Estévez. A obra relata a historia de Tom Avery, un reputado oftalmólogo ao que lle comunican que o seu fillo falece nos Pirineos. Ao darse de conta que estaba a facer o Camiño de Santiago, decidirá rematalo por el na súa honra.

Ao rematar a película, Xulia María Barros, escritora e terapeuta, deleitará aos asistentes coa súa poesía. Como escritora publicou o poemario Carne y ceniza, a obra infantil Cumba Maxia da Terra e o libro infantil-xuvenil A árbore dos vagalumes. Ademais, como intérprete musical lanzou o disco A porta aberta e realizou diferentes espectáculos poético musicais que a levaron a distintos escenarios da nosa terra.

A derradeira etapa? O domingo 13 de xuño ás 20.00 en Tui, concretamente na sede da UNED, onde se poderá ver La vía láctea, de Luis Buñuel. O filme retrata a dous trotamundos franceses que deciden comezar unha peregrinaxe a Santiago de Compostela.

Despois, tomará o relevo Luz Lameiro Eiro, coñecida no mundo poético simplemente como Luz. Esta poeta da terra, muller guerreira e amante das camelias, defínese coma alguén que escribe co corazón. Ademais, sempre sentiuse identificada coa poesía e serviulle coma medio de expresión dos sentimentos máis íntimos, coma o son da alma, que loita por saír ao exterior, pero que ao mesmo tempo quere pasar desapercibida.

AFORO E ASISTENCIA

A asistencia a Sementeira no Camiño é de balde ata completar o aforo.

Compre destacar que na proxección de Tui o domingo 13 de xuño poderase asistir previa inscrición no correo actividades@abella.gal

Sementeira no Camiño