Skip to main content

O CDG, Avelina Pérez e Teatro Ensalle coproducen 'Por favor, ténteo novamente máis tarde'

O Centro Dramático Galego (CDG) e a compañía da creadora escénica AveLina Pérez coproducen o espectáculo titulado Por favor, ténteo novamente máis tarde, que terá a súa estrea este venres día 11 no Teatro Ensalle de Vigo, espazo que tamén participa no proxecto.

Con dirección e dramaturxia da propia AveLina Pérez, interpretación compartida xunto a Daniel Casquero, composición musical de Ramón Raíndo, iluminación a cargo de Pedro Fresneda e montaxe de vídeo de Jesús Andrés Tejada, a nova proposta preséntase como un encontro arredor da vulnerabilidade "en contraste con todo iso que nos queren facer crer que é vivir", segundo expresa a súa autora.

A posta en escena amosa dúas persoas, cada unha co seu mundo, que transitan polas súas obsesións e desamparos. A dramaturxia constitúese arredor do pensamento individual, anulando a posibilidade de comunicación aínda que esteamos, paradoxalmente, propiciando o encontro.

Con esta montaxe, o CDG continúa avanzando na súa liña de apoio para materializar proxectos escénicos de compañías privadas galegas, de xeito adicional e alternativo ás subvencións á creación escénica que cada ano se convocan pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da Axencia Galega das Insdustrias Culturais (Agadic).

De feito, esta nova coprodución vén a sumarse ás anteriores realizadas nos últimos meses con distintos espazos culturais que manteñen unha actividade de difusión e promoción teatral continuada na área de Vigo, como foron Clásicas desfeitas, con Nononon Lab; Cambio de foco, con Sala Ártika; e Outras miradas, co propio Teatro Ensalle.

Promocion teatral en Vigo

Por favor, ténteo de novo máis tarde, que conta tamén coa colaboración das entidades locais A Casa Vella e Xerme Asociación Veciñal, estrearase o venres 11 ás 20,00 h. e terá dúas funcións máis, o sábado 12 e o domingo 13 á mesma hora. As localidades pódese adquirir no despacho de billetes do número 15 da rúa Chile, coa posibilidade de reserva de entradas a través dos teléfonos de contacto e da web de Teatro Ensalle.

AveLina Pérez é formada en interpretación na escola Santart e titulada en dirección de escena pola ESAD de Galicia. Comeza a súa traxectoria como directora da compañía Teatro do Lume e, recentemente, crea un novo proxecto co seu nome, que abarca a produción propia, a escrita teatral e a impartición de obradoiros. Entre as pezas nas que ten participado como directora, dramaturga e actriz, destacan Vaguedás, A que non podes dicir cocacola, Os cans non comprenden a Kandinsky ou Deixa de tocala, Sam. Obtivo o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2018, outorgado pola Xunta de Galicia, pola obra Ás oito da tarde, cando morren as nais e o Premio Abrente de Textos Teatrais 2018 por O día no que bicar a terra.
Centro Dramático Galego