Skip to main content

Adega chama a mobilización contra a OMC

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) apoia a manifestación contra a Organización Mundial do Comércio (OMC) que, convocada por SLG-CCLL e CIG co lema O mundo non é unha mercadoría, sairá da Alameda de Santiago o vindeiro sábado 13 de setembro, às 12:00 horas. ADEGA defende a sustentabilidade e a xustiza frente à opción destrutiva que representa a globalización neoliberal.
Desde o pasado dia 9 e até o 14, xunta-se en Cancún (México) a V Reunión Ministerial OMC co obxectivo de aprofundar no proceso de globalización neoliberal. Por todo o mundo suceden-se os actos de contestación a unhas políticas que entenden ao planeta e a quen o habitamos como simples mercadorias das que tirar o maior benefício co menor custo posível e a curto prazo. No noso país, ADEGA participa nas Xornadas de Acción Global Contra a OMC organizadas por SLG-CCLL e CIG e que acabarán coa manifestación de 13 de Setembro.
A globalización neoliberal está a aumentar as diferenzas entre unha cada vez menor e máis rica minoria e a crescente maioria de excluíd@s que son, ademais, quen mais sofren outra das graves consecuéncias deste modelo económico: a degradación ambiental.
A OMC aborda estes dias a agricultura, a alimentación, os servizos… asuntos chave no que fai respeito non só á cualidade de vida, senon à pròpria habitabilidade do planeta. Frente à opción neoliberal, valedora da biopirataria, das patentes sobre a vida, dos transxénicos, da privatización dos servizos, dun mundo dominado polas multinacionais… da destrución do planeta, situamo-nos quen procuramos unha saída emancipatória à crise ecolóxica global na que nos atopamos, quen apostamos por unha vida digna nunha Terra habitável, para o que defedemos a soberania e a seguranza alimentares, o direito fundamental dos povos ao aceso a alimentos sans e nutritivos, o comércio xusto, os servizos públicos, a produción biolóxica e sustentável, a biodiversidade…
Só temos un planeta, a mesma Terra na que terán que morar as xerazóns futuras, humanas e non-humanas. A construción dun mundo no que podermos (con)viver en paz pasa pola sustentabilidade e a xustiza.
Xosé Maria Garcia Villaverde (Vocal de Pacifismo e Globalización, de ADEGA)