Skip to main content

Adega e Cogami presentan o manifesto mobilidade sostenible para todos/as

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI) presentaron en conferencia de prensa, o manifesto Mobilidade Sostenible e para todos/as, iniciativa enmarcada na celebración da Semana Europea da Mobilidade, dedicada este ano á acesibilidade por ser 2003 Ano Europeo das Persoas con Discapacidades.
O manifesto, que se pode ler en http://www.adegagaliza.org/, vai dirixido á cidadania en xeral, mais especialmente ás Administracións e entidades particulares a traballar no campo do transporte e a mobilidade, ás que se demanda unha análise e superación dos problemas de mobilidade que a configuración arquitectónica das nosas cidades e vilas supón para o conxunto da poboación, prestando especial atención ós grupos sociais cunha mobilidade disminuída, como é o caso dos colectivos con discapacidades físicas, intelectuais, sensoriais ou enfermidades mentais, asi como nenos/as e maiores.
Os asinantes denuncian o que achan o principal problema urbano actual: a tiranía do automóbil, tanto pola contaminación atmosférica, acústica e visual deste, como polo feito de que as infraestruturas a el asociadas funcionan como barreiras físicas e psicolóxicas.
ADEGA e COGAMI defenden que a planificación dunha mobilidade sostenible pasa ineludiblemente por facilitar a acesibilidade a todos os grupos sociais sen nengún tipo de discriminación. Apostan pola eliminación de toda barreira física e a promoción dun transporte público axeitado a todos/as co obxectivo de fazermos cidades e vilas para vivir.
Xosé Maria Garcia Villaverde. Secretario de ADEGA-Compostela