Skip to main content

A xestión do patrimonio, a debate

A Asociación Galega de Antropoloxía propón un foro de debate arredor da xestión do patrimonio. Baixo o nome de Cuestións e Relacións en Patrimonio Cultural o obradoiro está dividido en dous bloques, un presencial que se vai desenvolver os días 10, 11 e 25 de outubro, e outro, a través das contribucións realizadas na páxina web da Asociación, polo que todos os participantes deberán ter acceso a unha conexión de Internet.
Tendo en conta as aportacións da antropoloxía en relación á xestión do patrimonio cultural, e que identifican aos distintos sectores implicados, a Agantro propón, con esta segunda edición dos obradoiros, o achegamento a unha visión de conxunto da xestión patrimonial, prestando especial atención á formación e xestión de coleccións e museos antropolóxicos.
A Agantro, que xurdiu no ano 1993 impulsada por un grupo de profesionais e estudantes de Antropoloxía con interese no desenvolvemento, difusión e aplicación das contribucións desta disciplina na Galiza, pretende dar a coñecer produccións da antropoloxía social e cultural. Os obradoiros abertos están deseñados como fórmula de achegamento da antropoloxía ás demandas que neste momento se están a producir nos ámbitos da educación, a saúde, o patrimonio e as institucións. Os obxectivos están na liña de propiciar a articulación de espazos onde intercambiar experiencias.
O aforo máximo será de 30 persoas que deben reservar a súa praza, mediante contacto coa asociación, ou formalizando a súa inscrición mediante pagamento, na entidade bancaria Caixa Galicia .
Museo do Pobo Galego