Skip to main content

O 15 de outubro ponse á venda en galego o filme Doraemon e o tren do tempo

O próximo 15 de Outubro pon-se á venda o filme Doraemon e o tren do tempo, con versión en galego. Este filme ten a sua estrea directamente en vídeo e DVD, sen pasar polas salas comerciais, e apresenta a novidade histórica de sair directamente no noso idioma, sen contar con nengun tipo de axuda institucional. A distribuidora deste produto audiovisual, Luk Internacional, foi tamén a que estreou este verán, con todas as cópias en galego, os exitosos filmes Doraemon e o império maia e Shin Chan na procura das bólas perdidas.
A Mesa pola Normalización Lingüística, organización cívica que mantivo contactos cos directivos desta empresa distribuidora, manifesta a sua alegria e o seu apoio a estas pioneiras iniciativas. Salienta-se especialmente o facto de que a saída deste vídeo sexa ao 100% de investimento privado, da própria compañia, o cal constata a sua plena confianza en que distribuir en galego resulta rendíbel economicamente, tal e como demostran tamén as estatísticas existentes sobre hábitos de consumo na Galiza.
Ademais do filme Doraemon e o tren do tempo, o próximo 5 de Novembro sairá tamén en vídeo e DVD o filme de animación máis visto este verán nas salas comerciais galegas: Shin Chan na procura das bólas perdidas.
A actitude comercial de Luk Internacional pon máis de relevo a postura cega mantida por Warner á hora de se negar a estrear os filmes de Harry Potter no noso idioma, tal e como se lles solicitou amplamente ao longo do ano pasado. Se a postura de Warner se mantivese para a terceira parte da saga desta personaxe, a sección xuvenil da Mesa, Mocidade pola Normalización Lingüística, comezará unha nova campaña de denúncia social.
Ademais, A Mesa lamenta a actitude pasiva do Governo galego diante da sua obriga de promocionar a dobraxe de cinema ao galego. Nen presionan diante daquelas distribuidoras que nos discriminan nen se sentan a falar con aquelas distribuidoras que están predispostas a comercializar os seus produtos no noso idioma. Nisto, como no resto da política lingüística galega, a Xunta de Galiza fai unha irresponsábel deixadez de funcións.
A Mesa pola Normalización Lingüística