Skip to main content

Reapertura simbólica do Pazo de Baión como exemplo da loita contra o narcotráfico

“Asistimos a un momento importante na nosa historia colectiva e na historia de Galicia. Celebramos un importante éxito da cidadanía e das institucións na loita contra o narcotráfico no noso país”. Son as palabras do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, no acto ‘E a vitoria chegou: Pazo de Baión’, un acto simbólico de entrega á comunidade galega e á cidadanía deste emblemático edificio, que foi propiedade dun coñecido narcotraficante arousán.

No acto participaron o ministro de Sanidade, Bernat Soria e a responsable autonómica nesta materia, María José Rubio Vidal. Así mesmo, estiveron presentes, entre outras autoridades, a presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino; o delegado do Goberno, Manuel Ameijeiras; a delegada do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, Carmen Moya García; o fiscal xefe da Audiencia Nacional da Fiscalía Especial Antidroga, Javier Alberto Zaragoza Aguado; ademais de autoridades locais. Tamén estiveron presentes representantes de organizacións e asociacións cívicas vinculadas á loita contra o narcotráfico e asistencia ás vítimas da drogadición, encabezadas pola presidenta da Federación Galega de Asociacións de Axuda ao Drogodependente, Carmen Avendaño.

Na súa intervención, o presidente da Xunta incidiu en que a xornada de hoxe constitúe tamén “un día de xustiza, de vitoria e de cargado simbolismo”, por canto o Pazo de Baión “pertence de novo á sociedade galega”, logo de ser adquirido pola empresa Condes de Albarei.

Culminación de anos de esforzo, de sufrimento e de perda
Pero tamén representa, segundo remarcou, “a culminación” de moitos anos de “esforzo, de sufrimento e de perda”. “Hoxe é un día grande para Galicia, para todos os galegos e galegas, especialmente para aqueles homes e mulleres que desde hai varias décadas veñen dedicando unha importante parte do seu traballo e esforzo a loitar contra o narcotráfico”, engadiu.

Na mesma liña, Touriño indicou que hoxe conflúen “sentimentos encontrados”: de alegría polo éxito e de entusiasmo por unha etapa que se pecha; pero tamén de sufrimento pola ruína de tantas familias e de dor silenciosa, constante, interminable e en soidade das vítimas da drogadición e do narcotráfico.

Por iso, o presidente galego quixo facer especial homenaxe a todas as nais que centraron a súa vida familiar durante anos no coidado dos seus fillos, “atrapados” na drogadición, lembrando especialmente a toda esa xeración de mozos “chamados a formar parte do futuro de Galicia”, pero que “quedaron no camiño sen poder acompañarnos nesta mañá de vitoria da vida sobre a morte, da luz sobre a escuridade. A súa ausencia –engadiu-, é unha perda absolutamente irrecuperable”.

Recoñecemento ao movemento asociativo

Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico fixo especial mención ao traballo e esforzo realizado polo movemento asociativo que, dixo, “proporcionou un imprescindible alento amosando unha tenue luz ao final do túnel que anunciaba unha perspectiva da esperada vitoria”.

“Fostes quen, partindo de cero, levantastes un exemplar e potente movemento asociativo, unha verdadeira rebelión cívica que se converteu nun emblema da loita de Galicia contra o narcotráfico, traspasando as fronteiras da nosa comunidade” aseverou Touriño. Pero tamén “fostes un movemento asociativo que alertou e mobilizou a conciencia dos poderes públicos”, apuntando iniciativas en moi diversos campos, desde suxerir orientacións lexislativas, apoiar a represión policial do narcotráfico, desprestixiar socialmente o enriquecemento dos narcotraficantes ou limitar as posibilidades do branqueo das ganancias.

Xunto con isto, Touriño lembrou que o movemento cívico tamén propiciou a activación de políticas de prevención, tanto as propias como as postas en marcha desde institucións, “asumindo parte dos dispositivos asistenciais”. Isto promoveu o fortalecemento dos servizos sanitarios públicos pero tamén o desenvolvemento dun importante labor no terreo da reinserción social, un labor por parte das asociacións que foi “impagable”.

“É por iso que por encima de todo sodes vós, as familias, o movemento asociativo, a mellor representación da cidadanía galega: sensible, solidaria, coidadora, xenerosa, activa, intelixente, incansable, entusiasta, animosa e capaz de xuntar vontades, os auténticos protagonistas deste emotivo acto que nos reúne”, dixo o presidente galego dirixíndose aos representantes de organizacións presentes no acto.

Compromiso do Goberno galego

Emilio Pérez Touriño quixo destacar ademais o traballo realizado polas institucións e poderes públicos na loita contra o narcotráfico e a drogadición. A este respecto, indicou que o Goberno galego, a través do Plan Galicia sobre Drogas, vén demostrando “un compromiso activo coa reinserción social e laboral, a normalización da asistencia ao drogodependente en igualdade de condicións que noutros problemas de saúde e, sobre todo –incidiu-, co apoio decidido á prevención”. Así o demostra o incremento orzamentario e de programas que neste ámbito de intervención se ten producido nos últimos anos.

Por último, Touriño quixo recoñecer o funcionamento “continuado e efectivo” das institucións do Estado na loita contra o narcotráfico, desde as Forzas da Orde Pública e da Vixilancia Aduaneira ata os poderes lexislativos, o mundo da xustiza e o dereito.

O presidente galego destacou a “eficiente e exitosa” cooperación entre a Xunta e o Goberno de España na loita contra a drogadición e o tráfico de drogas, e destacou, en especial, o traballo “exemplar” desenvolvido pola Delegación do Goberno do Plan Nacional sobre Drogas.

Xunto con isto, agradeceu o labor de denuncia e concienciación realizado polos medios de comunicación e os seus profesionais; o traballo dos profesionais sanitarios e sociais; e o esforzo e implicación dos profesionais da investigación, a formación e a organización para “satisfacer os retos asistenciais”.

“Pechamos con este acto, simbolicamente, unha prolongada e dolorosa páxina desta loita, pero somos todos conscientes de que queda moito traballo por facer. Aínda nos enfrontamos a unha tarefa inacabada”, concluíu Pérez Touriño, remarcando que existe un traballo “que continuará nas liñas sobre as que todos os presentes veñen actuando, desde hai moitos anos, para a represión do narcotráfico”.

Sensibilidade, alegría e conciencia do traballo por facer
Pola súa banda, a conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, abriu o acto salientando que a presenza nesta celebración de diversas institucións, asociacións e colectivos da sociedade civil “é a evidencia de que a saúde é algo no que todos debemos estar fortemente implicados”, e sinalou que tras a apertura simbólica do portalón “o Pazo Baión queda así recuperado pola sociedade”.

Sinalou que o acto de hoxe é un evento “de sensibilidade, delicadeza, lembranza, alegría e tamén conciencia do traballo que aínda nos queda por facer”. A titular da Sanidade pública galega fixo unha especial mención “ás mulleres e nais” que “participastes en tantos anos de loita en defensa das vosas familias, e da saúde e a vida dos vosos fillos e fillas individualmente, e da sociedade no seu conxunto”.

Rubio Vidal rematou a súa intervención dicindo que hoxe conmemórase “unha vitoria que chegou ao Pazo Baión e que certamente vai ser seguida doutros pequenos pero non menos importantes éxitos na loita contra o narcotráfico”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia