Skip to main content

O novo drakkar Frederikssund na Romaría Vikinga de Catoira

Os actos da 48 edición da Romaría Vikinga de Catoira comezan coa V Rapa das Bestas do Xiabre que se celebra o sábado e o domingo na carballeira de San Cibrán.

A principal novidade da Romaría será a incorporación do drakkar “Frederikssund” á escuadra viquinga que desembarca nas Torres de Oeste. O Concello de Catoira construíu este ano a nova nave, baseada no deseño do Gokstad, co fin de dar resposta á crecente demanda das persoas que cada ano desexan participar no asalto á fortaleza, ó tempo que se da maior espectacularidade ó evento.

O novo barco leva o nome do pobo danés co que Catoira mantén unha irmandade desde 1997. Con motivo da estrea do drakkar, a vindeira semana chegará a Catoira unha delegación procedente do concello de Frederikssund, encabezada polo alcalde, Ole Find Jensen, que ven acompañado doutros representantes municipais e un grupo musical. Tamén estará de novo en Catoira o embaixador de Dinamarca en España, Niels Pultz.
O Goberno local recibirá tamén a vindeira semana ó presidente e ó secretario da asociación irlandesa “Ardglass Vikings”, Alistair Watson e Sean Keogh, respectivamente. Despois da inesquecible experiencia vivida no ano 2005, cando participaron no desembarco viquingo 20 membros da asociación co seu propio drakkar, voltan agora a Catoira para participar na festa e establecer futuras colaboracións.

A tradición desta festa profana remóntase a 1960, cando se celebrou por vez primeira un acto rememorando o desembarco do rei Ulfo “O Vikingo” nas terras do Ulla. Foron os membros do Ateneo do Ullán –foro artístico e literario integrado por intelectuais da zona como o poeta Faustino Rey Romero, Baldomero Isorna Casal, Xesús Ferro Couselo ou o premio Nóbel Camilo Xosé Cela– os precursores dun festexo que comezou sendo unha reunión de amigos con inquedanzas culturais comúns.

A partir de 1965, os traballadores dunha empresa local tomaron o relevo, e durante case 25 anos asumiron a organización e patrocinio dunha romaría que, co paso do tempo, se ía consolidando e adquirindo cada vez máis sona, chegando a ser declarada Festa de Interese Turístico Nacional en 1988.

A fins dos 80, dadas as dimensións que ía adquirindo a Romaría e o crecente investimento preciso para dar resposta ás expectativas que espertaba, foi o goberno local o que asumiu a organización do evento. Este novo período estivo marcado pola introdución de moitas novidades que enriqueceron a festa e pola súa proxección a nivel autonómico, nacional e internacional. Un bo exemplo disto é a irmandade que se establece con Frederikssund, o pobo de maior tradición vikinga en Dinamarca. En 1992 unha delegación formada por 150 membros do grupo de teatro da cidade danesa, encabezada pola princesa Elisabeth de Dinamarca, visita Catoira. Os drakkar vikingos que se utilizan no desembarco son o resultado destes contactos, xa que o primeiro foi
construído en 1993 logo de que un grupo de expertos artesáns catoirenses viaxaran a Dinamarca para estudar os métodos vikingos de construción de barcos de ribeira e decidisen facer unha copia exacta do Skuldelev 5, atopado no fondo do fiordo de Roskilde (Dinamarca). O mesmo proceso se seguiu para a construción do novo barco “Frederikssund”.

Outro dos cambios que sufriu a Romaría Vikinga co paso do tempo foi a ampliación da súa duración. Un fugaz domingo de agosto quedaba curto para un evento de tal magnitude. Así, o programa da Romaría foise enriquecendo coa Semana do Teatro Romaría Vikinga e outras actividades que tratan de potenciar ó mesmo tempo o espírito cultural e literario dos seus fundadores.

A Romaría Vikinga foi recoñecida en novembro de 2002 coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.

PROGRAMA:

V Rapa das Bestas do Xiabre
Festa degustación de potro
Sábado 26 de xullo / Carballeira de San Cibrán
Rapa das bestas
Domingo 27 de xullo / Carballeira de San Cibrán
Organiza: A.C. Cabalar do Xiabre
Festival de bandas de música
Banda de Música de Santa Cruz de Rivadulla
Banda de Música Agrupación Musical do Rosal
Banda de Música de Catoira
Domingo, 27 de xullo / 20 h. / Rúa da Estación
I Curso de Música Romaría Vikinga
Do 28 ó 31 de xullo / CPI Progreso de Catoira
Concerto de Clausura
Xoves 31 de xullo / 20,30 h. / Auditorio Edificio Felipe Aragunde
Curso de clarinete, trompeta e piano no que se traballará o perfeccioamento dunha posición corporal que permita respirar con naturalidade e que favoreza unha correcta colocación do instrumento; o estudo do control do aire mediante a técnica da respiración diafragmática; a análise e control dos músculos de embocadura que posibilite unha correcta emisión, afinación, articulación, e flexibilidade do son; coñecemento das características, posibilidades sonoras e a técnica de cada instrumento.
Teatro
"A dor da vinganza"
Viaxamos no tempo ata desembarcar nun momento concreto da Historia; cando as costas galegas son saqueadas polos viquingos que intentaban acceder ás terras de Compostela pola ría de Arousa. ¿Serán estes capaces de atravesar Cato de Iria?. ¿Estarán todos dispostos a rexeitar o ataque?... Amor, odio e vinganza serán tres puntos clave nesta historia.
28, 29, 30 e 31 de xullo, 1 de agosto / 22,30 h. / Recinto das Torres de Oeste
Contacto: David Ferreira (tf. 622 464 144 – 637 140 951)
“O Concello é tamén escola”
Obradoiro de escritura con Quico Cadaval
Obradoiro de historias virtuais con José Luis Lomba
Mércores 30 de xullo / 10,00-14,00 h. / Telecentro de Comunicación (Casa de Cultura)
Obradoiro de saúde con Xoán Casas
Mércores 30 de xullo / 19,30-21,00 h. / Auditorio Edificio Felipe Aragunde
Presentación do programa educativo-cultural de inverno “O Concello é tamén escola”
Mércores 30 de xullo / 21,00 h. / Auditorio Edificio Felipe Aragunde
Programa Educativo-Cultural “O Concello tamén é Escola”, que se desenvolverá durante todo o inverno, e que ten como principais obxectivos os seguintes:
- Axudar ós rapaces e rapaces a estudar a través da adquisición de hábitos de organización e constancia no traballo e de técnicas de estudio.
- Previr o absentismo e o abandono temperán dos estudios.
- Ensinar a utilizar as tecnoloxías da información e as comunicacións e a seleccionar e tratar a información dun xeito crítico da información.
- Fomentar hábitos de vida saudables.
Con estes fins, realizaranse durante o inverno unha serie de obradoiros impartidos por docentes que, a través do xogo e actividades didácticas, tentarán acada-los obxectivos descritos.
VIKINSÓNS
Kogito / Dakidarría
Venres 1 de agosto / 00,00 h. / Praza Doutor Vázquez (Estación FFCC)
Foula
Sábado 2 de agosto / 21,30 h. / Recinto Torres de Oeste
Cornelius / Los Casanovas
Sábado 2 de agosto / 00,00 h. / Avenida Eloy Domínguez
Festival no que participan grupos de diferentes estilos musicais, desde o folk ata o rock e ska, e no que se irán alternando os espazos.
resentación do caderno-dvd “Drakkar Frederikssund”
Actuación musical: Cuarteto de Lure / Fil en Quatre
Sábado 2 de agosto / 19,00 h. / Salón de Plenos del Concello de Catoira
Presentación dun caderno e dvd no que se recolle o proceso de construción do novo drakkar.
Cerimonia da Paz
Sábado 2 de agosto / 23,00 h. / Recinto Torres de Oeste
Acto simbólico no que participará o público de forma activa con antorchas realizando un percorrido polo recinto das Torres de Oeste, seguindo o traxecto dun drakkar, que irá tamén iluminado con antorchas.
48 Romaría Vikinga
Domingo 3 de agosto
- 10,00 h. Pasarrúas de grupos folclóricos desde a Praza do Concello ata o recinto das Torres de Oeste:
Nosa Sra da Xunqueira / Brisas do Río Ulla / Mar de Arousa / Espiñas / Escola Municipal de Baile Mercado medieval e xogos populares no recinto das Torres de Oeste
- 12,00 h. Mexillonada e viño tinto do Ulla
- 13,00 h. Dramatización do desembarco vikingo e defensa das Torres de Oeste
- 14,00 h. Xantar campestre
- 15,00/19,00 h. Actuación nas Torres de Oeste: ACD Dorna / Xiabre
- 22,30 h. Verbena popular na Alameda do Concello: "Océano" e "Limón"
Concello de Catoira