Skip to main content

Galicia apoia cun centro médico avanzado a selva amazónica de Bolivia

O secretario de Relacións Exteriores e presidente da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, Julio Fernández Mato presentou no campus sur de Santiago un Posto Médico Avanzado (Hospital de Campaña) destinado a mellorar as condicións sanitarias de mais de 10.000 persoas en Bolivia. Na presentación da iniciativa tamén participaron: María Eugenia Martín Sanz, xefa de emerxencias da oficina de atención humanitaria da AECID e Belén Louzao, directora xerente da Axencia Humanitaria, xunto a membros de diferentes ONGD que traballan en Galicia. No decurso do acto, Fernández Mato apostou por consolidar a cooperación como “unha política pública máis” conferíndolle “continuidade no tempo” e carácter estable.

De feito, tal e como sinalou Fernández Mato, desde que Emilio Pérez Touriño asumiu a Presidencia da Xunta hai agora 3 anos duplicáronse os fondos que o Goberno galego destina á axuda ao desenvolvemento.

Características do Posto Médico Avanzado

A Fundación Axencia Humanitaria de Galicia pon a disposición da ONG Solidaridad Médica o Posto Médico Avanzado presentado hoxe co obxecto de “mellorar as condicións médicas das comunidades indíxenas amazónicas de Moxos (na selva amazónica)”, tal e como salientou Fernández Mato.

Este hospital de campaña ten unhas dimensións de 6 metros de ancho por 7 de lonxitude e ten unha altura de 4,2 metros no seu punto máis alto. Ademais, segundo sinalou o secretario xeral de Relacións Exteriores, “irá acompañado dun kit de medicamentos denominado IEHK06 que inclúe unha serie de servizos sanitarios básicos tales como antibióticos, soros, xiringas, luvas, e material para aprovisionamento de auga”, entre outros. O hospital será trasladado a Bolivia a vindeira semana e para o seu transporte a Axencia Humanitaria de Galicia colaborará coa AECID.

Grandes dificultades para acceder aos servizos sanitarios

Segundo sinalou Fernández Mato no decurso do acto, os habitantes desta zona da selva amazónica “teñen grandes dificultades para acceder á asistencia sanitaria debido á dispersión poboacional e as dificultades para desprazarse na selva, polo que este proxecto achegará medicamentos e asistencia para contribuír o descenso da mortalidade que nesta zona aínda é moi alta”.

Finalmente, tal e como salientou o secretario xeral “un dos obxectivos da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia é o de intensificar a colaboración que coa AECID leva desenvolvendo nos últimos tempos”. Entre os seus proxectos está a colaboración co centro loxístico que este organismo posúe en Panamá para a distribución do material almacenado neste centro en caso de emerxencia humanitaria nas áreas próximas.


Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia