Skip to main content

Xesús Mato, novo director do Orfeón Lucense

Ven de tomar posesión da dirección do ORFEÓN LUCENSE o musicólogo XESÚS MATO MATO, nomeado para este cometido pola directiva da agrupación que, a proposta do Presidente, acordou por unanimidade que Mato dirixa o veterano colectivo lucense, coro titular da Catedral de Lugo.

Nesta etapa que agora comeza, o Orfeón pretende profundar na súa dedicación á investigación e canto da música sacra e, dentro da música profana prestar atención especial á canción galega programando unha nova edición do “Concerto galego comentado”.

XESÚS MATO MATO fundou e dirixíu a Polifónica de Lalín, e en Lugo estivo ó cargo da Schola Cantorum do Seminario, foi o impulsor do nacemento de “Fuxan os Ventos” e “A Quenlla” ", e fundou e dirixiu o Coro Mixto dos desaparecidos Colexios Menores Feminino e Masculino de Lugo (Santísimo Sacramento e Eijo Garay) que deron a coñecer por España adiante a mùsica da nosa terra nos Concursos da Xuventude na década dos anos 70. O novo Director aportará ó Orfeón os seus amplos coñecementos de música e experiencia na dirección de agrupacións, ademáis da súa capacidade para aglutinar esforzos e persoas.

No momento do comezo deste novo curso e da dirección de Xesús Mato, o Orfeón fai invitación a todos os que sintan vocación polo canto a integrarse nesta colectividade, para o que poden dirixirse á sede oficial da agrupación, Cruzamento,5 da cidade de Lugo, os mercores e venres, a partir das oito da tarde, ou chamar ó tfno. 676.456461.
Xulio Xiz (presidente do Orfeón Lucense)