Skip to main content

Aprobada a creación do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero –unha das previsións incluídas na Lei pola igualdade de trato e non discriminación de Lesbianas, Gays, Bisexuais, Transexuais e Intersexuais–.

“Hoxe aprobamos un decreto que redunda nunha Galicia máis tolerante”, subliñou Feijóo, xusto antes de debullar as funcións de dito observatorio, entre as que se atopan as seguintes: analizar os principais problemas para o recoñecemento, restablecemento e garantía dos dereitos das persoas LGTBI; realizar propostas e recomendacións en materia de normas e políticas públicas; manter unha comunicación permanente coas instancias públicas e privadas; seguir a evolución da normalización da situación do colectivo LGTBI; e, por suposto, denunciar situacións de discriminación.

En definitiva, a finalidade deste observatorio será promover a igualdade real e efectiva entre as persoas LGTBI, identificar as barreiras que aínda atopan e previr e loitar contra episodios de intolerancia.

A composición do Observatorio galego contra a discriminación será a seguinte: a presidencia recaerá na persoa titular do órgano superior da Xunta en materia de igualdade; a vicepresidencia, nunha persoa representante do colectivo LGTBI; e a secretaría, nunha funcionaria ou funcionario que preste servizos na área da Xunta encargada de Igualdade.

Ademais, haberá varias vogalías que ocuparán: unha a Delegación do Goberno; outra o Consello Galego de Relacións Laborais; nove para a Xunta; unha para a Fegamp; tres para as Universidades; catro para os sindicatos; outras tantas para as organizacións patronais; e un número aberto de vogalías para todos os colectivos LGTBI que queiran participar.

“A forza de Galicia reside na tolerancia e no sentimento de irmandade que nos une a galegas e galegos”, concluíu o presidente da Xunta.
R.