Skip to main content

Deportistas galegos de élite colaboran na loita pola igualdade e contra a violencia de xénero

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete, presentaron novos contratos de patrocinio publicitario con deportistas olímpicos galegos clasificados ou en fase de clasificación para os Xogos de Tokio 2020 co obxectivo de que participen no desenvolvemento de campañas de prevención e sensibilización fronte á violencia de xénero.

O acto de hoxe é continuación do celebrado o venres pasado e no que se convertiron en embaixadores da loita contra a violencia de xénero o triatleta Javier Gómez Noya, o piragüista Cristian Toro, a nadadora María Vilas, a judoka María Bernabeu e os regatistas Tamara Echegoyen e Nicolás Rodríguez.

Nesta ocasión, outros nove deportistas de élite sumáronse a esta iniciativa para promocionar a igualdade entre homes e mulleres no deporte e na vida. Trátase dos piragüistas Teresa Portela, Carlos Arévalo e Rodrigo Germade; o remeiro Rodrigo Conde; ou o arqueiro Miguel Alvariño. A eles únense o xogador de tenis de mesa, Alberto Seoane; Juan Antonio Saavedra, que compite en tiro adaptado; e Agustín Alejos, xogador de baloncesto en cadeira de rodas.

Estes deportistas galegos son algúns dos 25 clasificados ou en fase de clasificación para os Xogos de Tokio 2020, así como participantes nas edicións anteriores dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos, que asinarán contratos de patrocinio nesta primeira fase da iniciativa. Cada contrato, en vigor ata o 31 de decembro de 2019, conta cun importe de 5.000 euros.

Os deportistas deberán incorporar nos seus equipamentos oficiais de competición e de adestramento os logotipos da Secretaría Xeral de Igualdade e da Secretaría Xeral para o Deporte-Fundación Deporte Galego. Ademais, terán que difundir a través das súas redes sociais, alomenos unha publicación mensual relacionada coa loita pola tolerancia e contra a violencia de xénero.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, calificou a estes deportistas como referentes e ídolos de moitos mozos e mozas aos que transmiten valores moi importantes para a sociedade como o traballo, o esforzo, a participación en equipo, o respeto aos demais ou a dedicación. Por iso, considera fundamental esta colaboración entre o Goberno galego e o mundo do deporte co obxectivo de educar na igualdade e na loita contra a violencia machista. López Abella confía en que desta forma se poida axudar á mocidade a interiorizar a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes.

Pola súa banda, José Ramón Lete, fixo un chamamento en pro da igualdade e salientou a importancia do VII Plan Estratéxico para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020 da Xunta de Galicia. Os 25 deportistas, mulleres e homes, que asinan estes contratos destacan pola súa responsabilidade e compromiso, “non hai mellor exemplo para os nosos mozos e nenos e nenas; non poderiamos ter mellores embaixadores e embaixadoras da mensaxe que queremos difundir: un rotundo non á violencia de xénero, e un rotundo si á igualdade de oportunidades”.

Estes contratos de patrocinio intégranse no convenio de colaboración no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero en materia de deportes dotado con 1,5 millóns de euros. A iniciativa inclúe medidas como campañas en espazos deportivos e difusión das mesmas a través dos clubs galegos de alta competición, a dotación de equipamento da campaña NON contra a violencia de xénero para o colectivo arbitral ou para o programa Xogade, unha campaña con deportistas en centros educativos. Desta liña de colaboración tamén forma parte o convenio con deportistas olímpicos que desde hoxe serán socios e aliados da Xunta na loita contra esta lacra.
R.