Skip to main content

O Festival Arraianos de Tui inclúe representacións históricas, mercado e gastronomía medieval

Nesta proposta gastronómica participan o Hostal San Telmo cun “costelar de cordeiro”, “polo á mel” e o prato “peras ao viño”. O Pote elaborará “pasteis de mazá” e “boliños de pasas, piñóns e mazá”, xunto con “viño quente” que precisa a Garda da Noite. Pola súa parte, Vai de Garcías preparará o “almorzo do muro”, “pauciños de peixe” e “bolos de millo doce”, xunto coas exóticas “pasta de garavanzo” e “follas de parra recheas”.

Arrancou oficialmente o “I Festival da Historia Arraiana: Arraianos 2016” cun desfile no que participou a “científica tola” que levou a Tui á Idade Media co seu erro ao construír unha máquina do tempo. A inauguración oficial rematou na Praza de San Fernando co convite a tudenses e visitantes a participar neste festival que até o domingo levará a Tui 1.000 anos atrás no tempo con representacións históricas, visitas guiadas, mercado e gastronomía medieval.

Celébranse as conferencias na aula UNED de Tui baixo o epígrafe de “Patrimonio Medieval e Idade Media”. Esta tarde os actos teatrais comezarán ás 19:00 na Praza de San Fernando coa recreación histórica da tentativa de invasión portuguesa a comezos do século XII e a posterior firma do Tratado de Tui. Á noite, o banquete medieval con espectáculo e ambientación permitirá repoñer forzas aos asistentes para rematar co espectáculo de danza “aquelarre” ás 23:00 e a exhibición de lume e bruxería “noite de curuxas” ás 0:30 horas. Ambos eventos na Praza de San Fernando, epicentro do festival.

Amais, até o domingo 04 de setembro, ao longo do núcleo histórico haberá mercado con venda de artesanía e produtos gastronómicos. Tódalas tardes a partires das 19:00 ábrense os postos das “Receitas de Poñente” con tapas inspiradas nos libros de George R. R. Martin, Xogo de Tronos.

O sábado medieval comeza ás 11.00 horas coa proba da “Conquista do Miño”, na que os participantes, ataviados con vestimenta de época, deberán recuperar panos de cores en diferentes zonas do Miño a bordo do seu kaiak. O percorrido irá da praia de Areeiros de Guillarei até o Centro Interfederado. A venda de entradas anticipadas e limitadas pode facerse a través de festivalarraianos@gmail.com

A Praza de San Fernando acollerá unha voda medieval co cortexo, casamento e banquete nupcial. Á noite toma a testemuña o “Survival Zombie Medieval”. Trátase dun evento inédito que por primeira vez estará inspirado nun apocalipse zombi. Os máis de 1.000 participantes que se esperan deberán realizar unha xincana ou rastrexo para loitar por sobrevivir namentres seguen as pistas indicadas e logran non infectarse.

O festival remata o domingo con diferentes espectáculos, amais de mergullarse na historia medieval de Tui con diferentes recreacións históricas e visitas guiadas.

Ás 12:30 terá lugar o espectáculo de danza “campesiñas” da man da Escola de Danza Paula Cobián na Praza de San Fernando. A actividade trasladarase á Praza de San Telmo ás 14:00 coa representación dun xantar medieval animado coa música de gaitas da Asociación Cultural Arume de Malvas. Ás 17:00 organízase unha visita guiada que comezará na igrexa de San Bartolomé e que contará con cinco paradas nas que ademais das explicacións pertinentes os actores que acompañan a ruta farán representacións dalgúns dos fitos e anécdotas mais importantes da época. Ademais da igrexa de San Bartolomé, haberá representacións na igrexa de Santo Domingo, na Praza da Estrela, na rúa das Adegas e na Catedral.
As últimas actividades do día terán lugar na Praza de San Fernando. Ás 20:00 celebrarase un espectáculo de danza, ás 21:15 terá lugar a recreación dun combate medieval e a noite rematará ás 23:30 co espectáculo “os gardiáns da mandrágora”.

Fotografía e máis información: http://festivalarraianos.blogspot.com.es/
Gabinete de Comunicación do Concello de Tui