Noticias
-
A Xunta de Galicia convoca os Premios da Cultura Galega 2024, certame que recoñece o labor creativo e a súa expansión nos novos espazos actuais desde a súa primeira edición, en setembro de 2010. As oito modalidades convocadas son as de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior. As institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada unha delas dispoñen de dous meses para entregar as candidaturas, tal e como se recolle no Diario Oficial de Galicia. Deste xeito, as solicitudes deberán ser presentadas ata o 13 de agosto por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
-
A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) celebrou en Santiago de Compostela a 36ª edición da súa Asemblea Xeral Ordinaria. No evento, que transcorreu con total normalidade, aprobáronse as Contas Anuais e o Informe de Xestión do exercicio 2023. Ademais, presentouse a Memoria Anual de Actividades de 2023 e informouse sobre o Plan Anual de Actividades previsto para 2024. Segundo o rexistro oficial, en Galicia existen 180 cooperativas agroalimentarias, que en 2022 contaban con aproximadamente 34.000 socios.
-
Foi presentada a Liga Xunta de Galicia de Break 2024, na que será a súa cuarta edición, e que terá lugar en nove sedes galegas e que contará coa participación dun cento de bboys e bgirls nas categorías de iniciación, intermedia e avanzada ao longo do ano 2024. Desde 2021, ano no que se recoñeceu a especialidade deportiva de break e se lanzou a primeira edición da Liga Xunta de Galicia, o baile deportivo e o breakdance non deixaron de medrar como demostra a constitución da Federación Galega de Baile Deportivo en 2023 que hoxe conta xa con preto de 600 licenzas.
-
A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
-
O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, reuniuse con representantes de Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asaga, Agaca e Fruga, as principais asociacións profesionais agrarias de Galicia. O obxectivo desta xuntanza foi avanzar na postura conxunta de Galicia diante do debate sobre o futuro da PAC, no marco das reunións técnicas que se están celebrando en Madrid entre o Goberno e as comunidades autónomas para flexibilizar o Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027. Es encontro tivo como obxectivo avanzar no deseño consensuado do documento que Galicia trasladará ao Goberno de España, como resposta ao posicionamento do Executivo na negociación para flexibilizar o Pepac.
-
Neste Plan anual 2024, enmarcado no V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026, recóllese a publicación das convocatorias plurianuais de subvencións para proxectos de cooperación no exterior e outros axentes de cooperación, de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, a convocatoria anual de acción humanitaria e a de 6 bolsas de formación para persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento. Ademais, neste ano manterase a liña financeira para axuda humanitaria ou de emerxencia co obxectivo de dar resposta por parte da Xunta cando se produza un chamamento internacional por mor dunha catástrofe ou crise humanitaria.
-
A Alianza galega polo clima conta xa con 100 membros trala adhesión da Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e da Acuicultura (Conxemar) ao compromiso de loita contra o quecemento global. Deste xeito a entidade -que conta con máis de 230 empresas asociadas, máis dun cento delas galegas- colaborará na creación de sinerxías para aumentar a resiliencia da Comunidade ante o cambio climático. Galicia ten avanzado moito nos últimos anos na loita contra o cambio climático pois desde 1990 reduciu un 34% as emisións brutas de gases de efecto invernadoiro e en 2021 foi a primeira comunidade en absorción de carbono con preto de 10 millóns de toneladas, o equivalente a unha de cada cinco toneladas absorbidas en todo o territorio nacional.
-
O premio á persoa voluntaria do ano na modalidade individual para as persoas físicas recaeu en Isabel Rubinos Fernández, dada a súa traxectoria e participación en diferentes áreas de actuación acreditadas no ámbito do voluntariado. Ademais, a Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares (Asotrame) fíxose co premio á entidade de acción voluntaria do ano. O xurado condecora así a consolidada traxectoria de Asotrame na área sociosanitaria e de atención psicosocial. O premio ao mellor proxecto de acción voluntaria deste exercicio foi parar a Solidaridad Intergeneracional, polo seu proxecto ‘CuentaconMigo’, cuxo enfoque está centrado na atención a persoas maiores no medio rural.
-
En 2022 creáronse na nosa Comunidade 142 cooperativas (a cifra máis elevada da serie histórica) con 542 socias e socios promotores, o 50% deles mulleres. Tamén 24 sociedades laborais, con 58 socias e socios (41% mulleres) e 7 centros especiais de emprego. Para seguir co pulo a este modelo que prima os beneficios colectivos e sociais sobre a rendibilidade económica, a conselleira recordou que se veñen implemantando medidas que se reforzarán en 2024. De feito, increméntase un 3% o presuposto neste apartado chegando aos máis de 43,6 millóns de euros, co propósito de avanzar -precisamente- na creación e consolidación de iniciativas de economía social, pero tamén co de incidir na súa difusión e na promoción do emprego inclusivo.
-
Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos inclúe un estudo elaborado polo historiador Alfonso Mato que introduce a reprodución facsimilar íntegra da publicación orixinal, na que colaboraran preto dunha vintena de intelectuais da época como Fernández del Riego, Filgueira Valverde ou Carvalho Calero. Por último, a edición da Xunta de Galicia engade un apéndice fotográfico do acto de presentación do caderno en San Domingos de Bonaval o 17 de maio de 1978, con imaxes achegadas por Xosé Díaz. Foi precisamente neste acto cando Ramón Piñeiro falou ante máis de 500 persoas da necesidade de fomentar os estudos sobre a realidade galega nun momento crucial para Galicia.