Skip to main content

Noticias

  • Desde o ano 1995, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! ( PNO! ) vén desenvolvendo unha innovadora experiencia de comunicación con centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal, descubrindo un patrimonio común compartido. Para conmemorar os 25 anos da Asociación, o colectivo convida ás emisoras de radio e ás escolas da Eurorrexión a participaren no maratón radiofónico que terá lugar o vindeiro 27 de marzo. O evento principal deste 25 aniversario da innovadora experiencia de radio interescolar e patrimonio inmaterial vaise transmitir en directo a través do portal Escolas nas Ondas e desde as emisoras de radio participantes, unha das cales estará no campus da Universidade de Vigo.
  • Ricardo Carballo Calero viviu en Lugo, como responsable do Colexio Fingoi, desde 1950 a 1965, período no que aportou a Galicia a parte máis ostensible da súa obra, sendo para a cidade DON RICARDO DE FINGOI, irradiando desde este senlleiro colexio a súa influencia cultural a Lugo e a toda Galicia. Este é o aspecto que se puxo de manifesto na gran homenaxe rendida na capital lucense pola Xunta de Galicia e a Real Academia Galega, xunto co Colexio Fingoi, en base á exposición e á web confeccionadas polo colectivo Egeria que en Fingoi se presentaron. A exposición está formada por trece paneis de 2m. por 1m., nos que se reflicten a relación de Carballo con Lugo, o nacemento e evolución do Colexio Fingoi, a personalidade do seu fundador, Antonio Fernández.
  • Este mércores, no Colexio Fingoi de Lugo, vaise presentar a exposición itinerante 'Don Ricardo de Fingoi - Carballo Calero en Lugo', do Colectivo Egeria, co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración deste colexio lucense e a Real Academia Galega. O traballo concrétase nunha exposición itinerante de trece paneis de 2x1 m, un folleto que recolle os contidos dos paneis da mostra, sinaladores de lectura, a web desta celebración (que ese día se pon en marcha) e un libro que será editado con posterioridade. A razón de centrarse inicialmente en Fingoi esta homenaxe é o ter sido Ricardo Carballo Calero, durante quince anos (1950 a 1965) profesor e conselleiro delegado deste Colexio, tendo efectuado en Lugo parte esencial do seu excepcional traballo creador e investigador.
  • O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por cuarto ano consecutivo o seu ciclo Gran teatro para os máis pequenos para celebrar o Nadal co público infantil na súa sede do Salón Teatro de Santiago. A programación especial para estas festas desenvólvese os días 28 e 29 de decembro e 3 e 4 de xaneiro, arredor de dous espectáculos das compañías galegas Aporía Escénica e Talía Teatro precedidos de cadanseu taller. O ciclo arrancará esta fin de semana con Animal Sagrado, unha proposta dirixida por Diana Mera para público a partir de tres anos, na que se establece unha relación cos animais como seres vivos sabios e inocentes dos que temos moito que aprender.
  • Trátase dunha comisión de traballo no seo do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero para abordar pautas para a prevención e o tratamento das distintas formas de violencia sexual. Esta proposta foi unha das presentadas hoxe no Pleno do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero. Durante a xuntanza tamén se acordou dar continuidade ao grupo de traballo dedicado á abordaxe da violencia de xénero coa mocidade dende o ámbito educativo para acadar a erradicación da violencia machista dende a prevención. O obxectivo deste grupo é que os nenos e nenas e os adolescentes interioricen a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes.
  • O Premio Artesanía de Galicia recaeu no ebanista Frank Buschmann (Corcubión) pola súa prensa de flores Monas, mentres que o Premio Traxectoria foi para o oleiro Agustín Vázquez, de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) e a Bolsa Eloy Gesto para Minia Banet, do estudio Variopinto (Santiago de Compostela). Os Premios Artesanía de Galicia buscan contribuír a poñer en valor o sector artesán galego, así como a divulgar o traballo dos profesionais entre a sociedade; potenciar a creatividade; promover a captación do talento dentro do sector, facendo fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada; e a impulsar a remuda xeracional ao tempo que se aposta pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.
  • A candidatura da Xunta para que a Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel se convertan na sétima reserva da biosfera de Galicia deu un paso máis e decisivo de cara á súa aprobación ao someterse á consideración do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. Hoxe tivo lugar a sesión constitutiva deste órgano, creado e regulado por decreto a comezos de 2019 e co que se busca fomentar o traballo en rede das reservas da biosfera existentes en Galicia co fin de coordinar e mellorar o seu funcionamento.
  • A edición número 33 de Cineuropa rexistrou unha asistencia de preto de 20.000 espectadores e espectadoras que, ao longo de tres semanas, participaron nas 336 proxeccións que se realizaron este ano. O público foi de novo o encargado de premiar os mellores filmes de entre os máis de 100 títulos que participaron nas cinco categorías oficiais do festival e escolleu as películas Dronningen na sección oficial europea, Papicha no Panorama Internacional, Un día más con vida en Animaeuropa, La llorona dentro de Latidoamericano e For Sama en Docs Cineuropa. O festival despídese cun balance de 30 presentacións realizadas en torno ao mundo do cinema, 21 protagonizadas por directores e directoras e as proxeccións de 18 películas galegas.
  • A Xunta e o Consorcio Zona Franca de Vigo lanzan hoxe a primeira convocatoria da High Tech Auto (HTA), a nova incubadora para o sector de automoción que vai complementar o labor da Business Factory Auto (BFAuto) no desenvolvemento de iniciativas innovadoras nun sector estratéxico para Galicia e prioritario dentro da Estratexia Europea de Especialización Intelixente (RIS3). A nova aceleradora de proxectos tecnolóxicos enmárcase no Programa Operativo Plurirrexional de España e conta co cofinanciamento da Fundación Incyde a través dos fondos Feder da Unión Europea. Desde Vigo apoiará proxectos da automoción e da industria auxiliar co obxectivo de validar ideas e tecnoloxías que dean lugar a modelos de negocio innovadores.
  • Máis do 80% dos concellos galegos están xa adheridos ao convenio de protección das aldeas subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga para a posta en marcha dun sistema público de xestión da biomasa preto das vivendas. En total son 252 os entes locais incorporados ao acordo e outros tres están ultimando os trámites para adherirse (Laxe, Foz e Muxía). Así, dos municipios galegos adheridos, 84 pertencen á provincia de Ourense, 70 á da Coruña, 50 á de Lugo e os 48 restantes á de Pontevedra. Deles, son en total 124 os que xa dispoñen de plans municipais de prevención e defensa contra o lume.