Noticias
-
Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas promovido pola Xunta, celebrará a súa oitava edición do 7 ao 10 de xuño, retomando así o seu papel como punto de encontro do sector despois de que a pandemia motivara a súa suspensión en 2020. Repítese este ano a experiencia da organización compartida entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a asociación Escena Galega, co obxectivo de ofrecerlles ás compañías un escaparate para a difusión dos seus traballos entre os axentes culturais responsables de espazos, festivais e encontros escénicos de dentro e fóra de Galicia.
-
Sector turístico, universidades galegas e Xunta de Galicia traballan no deseño do futuro modelo turístico galego, que se baseará na sustentabilidade e na calidade. Con ese obxectivo, a Administración autonómica vén de poñer en marcha Turislab, a primeira aceleradora galega especializada no sector do turismo. O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a presentación desta iniciativa, que pretende ser unha rede de recursos innovadores e de alto impacto especializada no turismo sostible e de calidade. Nun acto ao que asistiu tamén a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, a Xunta reafirmou o seu compromiso cun sector que pode ser clave na recuperación económica de Galicia logo da pandemia.
-
Co obxectivo de xerar espazos de reflexión que fomenten o intercambio de experiencias arredor da peregrinación e o Camiño de Santiago coa muller como protagonista,vense de poñer en marcha a iniciativa Xacobeo Peregrinas, un ciclo de dez encontros multidisciplinares que se desenvolverán nos Camiños de Santiago ata fin de ano. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro presentou esta mañá a acción.
-
Comezaron os actos de homenaxe a Xela Arias, sarriá á que se lle dedica este ano o Día das letras Galegas, coa presentación na Casa da Cultura de Sarria do proxecto 'Aquela nena de Sarria", levado a cabo polo Colectivo Egeria. Participaron Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, ao que acompañou o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o Presidente da Real Academia Galega, Victor Freixanes, e por parte do Concello de Sarria, o Alcalde, Claudio Garrido e a Concelleira de Cultura, Reyes Abella. Da familia Arias-Castaño acudiron a nai de Xela, Amparo Castaño; o fillo da homenaxeada, Darío Gil Arias, os irmáns de Xela, Marcos e Lois, e outros familiares.
-
Celebrarase a cerimonia de entrega das Medallas Emilia Pardo Bazán, que na última edición recoñeceron a Megumi Shiozawa —a título póstumo—, á Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense e á Asociación Rede Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, nun acto previsto este 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. O Goberno galego propón celebrar o acto de entrega nos xardíns do Pazo de Meirás polo seu simbolismo e a vinculación do mesmo coa escritora Emilia Pardo Bazán que dá nome aos galardóns e loitou pola igualdade nos seus tempos. Para iso xa solicitou ao Goberno central o uso das instalacións para a celebración da cerimonia.
-
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura bota a andar hoxe as visitas didácticas a través de videoconferencias para explicar e dar a coñecer a exposición As miradas de Isaac aos centros escolares. Neste intre, xa están inscritos preto de 30 colexios. No entanto, a previsión é que, a través da 70 emisións en liña programadas ata o 26 de marzo, sexan máis de 2.000 rapaces e rapazas os que poidan afondar –sen necesidade de saír da aula– na vida e proxectos dunha figura tan importante para a historia da cultura galega do século XX como foi Díaz Pardo.
-
A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), circuíto de distribución de espectáculos, ofrece para este primeiro semestre de 2021 unha intensa actividade escénica e musical con 334 actuacións de 114 compañías programadas en 45 escenarios de 40 concellos galegos e unha inversión total en contratacións que supera o millón de euros. Así o declarou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, na presentación realizada para dar conta da carteleira concreta de Ames, un dos municipios adheridos a esta rede cultural, á que achega de xaneiro a xuño 13 funcións e concertos a cargo de 12 agrupacións artísticas galegas.
-
Entregáronse os galardóns aos gañadores da primeira edición dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, que nacen co obxectivo de homenaxear o traballo das persoas voluntarias durante a pandemia. O acto de entrega tivo lugar na cidade herculina. A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que Galicia é un lugar máis “agradable e solidario” gracias ao labor que realizan de xeito desinteresado e silencioso as máis de 9.000 voluntarias e voluntarios que participan nos programas postos en marcha pola Xunta.
-
Na categoría de mocidade, a premiada foi a sociedade limitada Fontes de Mané, polo seu campamento turístico Cabanas da Ulla e a súa combinación de servizo de aloxamento con actividade forestal no concello coruñés de Touro. En canto aos proxectos culturais e de recuperación patrimonial, resultou distinguida a iniciativa de recuperación do patrimonio material e inmaterial da aldea de Puxedo, a cargo da asociación de veciños desta aldea de Lobios, en pleno Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés. No apartado de interese social recibiu o premio o centro de prestación de servizos a persoas con discapacidade intelectual Aspadeza.
-
A programación que o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) desenvolve na súa sede da Coruña avanza este mes na súa homenaxe ás pioneiras do cinema, dedicándolle tres sesións a Lois Weber, quen tras comezar a súa traxectoria como actriz, se converteu na primeira muller en dirixir unha longametraxe e nunha activa realizadora durante a segunda década do século XX. Tamén en decembro dá comezo unha ampla retrospectiva dos filmes do director xermano-estadounidense Robert Siodmak, un dos mestres do cinema negro e responsable do seu renacer en Hollywood.
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »