Skip to main content

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece ata xuño 334 actuacións escénicas e musicais en 40 concellos

O responsable do departamento de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, detallou tamén que o calendario da RGTA para 2021 comezou o pasado 9 de xaneiro e prolongará o seu primeiro período anual ata o 30 de xuño en toda Galicia coa participación de 75 compañías de teatro que levarán a cabo 268 funcións, 15 de danza con 33 actuacións, outros 15 grupos musicais con cadanseu concerto, cinco de novo circo con 14 representacións, e catro colectivos de maxia con outras tantas citas desta disciplina.

Maioritariamente teatro galego

De todas os colectivos artísticos contratados, unicamente nove deles proceden de fóra de Galicia e, por xéneros, o teatro familiar e para adultos é o que rexistra unha maior presenza, con preto do 90% da actividade total da RGTA. Atendendo a unha clasificación por provincias, os 20 concellos participantes da Coruña asumen 154 funcións, 55 os seis de Lugo, 37 os catro de Ourense e 88 os 11 municipios da provincia de Pontevedra.

Na súa intervención, Jacobo Sutil lembrou que, maila crise sanitaria, a RGTA volveu ser un dos programas culturais máis intensos e extensos de todos os promovidos pola Xunta, xa que en 2020 foi quen de levar a cabo 488 funcións e de pechar o pasado ano cunha taxa de reprogramación do 82% sobre as actuacións que tiveron que ser suspendidas. Celebrou, así mesmo, o compromiso dos concellos participantes para o actual semestre a través da maioritaria contratación de espectáculos producidos en Galicia polos nosos profesionais.

Carteleira compensada e de proximidade

No caso de Ames, que achega á RGTA 380 butacas dispoñibles nas casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, o director da Agadic valorou especialmente o esforzo dos responsables municipais por ofrecerlle á súa veciñanza unha programación de proximidade e de xeito compensado nos seus dous principais núcleos de poboación. “Unha carteleira de calidade, con presenza de moitos dos espectáculos que veñen colleitando maior aceptación nos últimos meses xunto a outros que inician unha prometedora traxectoria e un calendario con 13 citas moi ben artelladas en canto a xéneros, estilos e perfís de público receptor”, dixo.

A programación de Ames arrancará o vindeiro 22 de xaneiro co concerto de Oviravai Paio e o poder da música, para continuar o día 29 con Sarabela Teatro e a montaxe A lingua das bolboretas. Xa en febreiro, Ainé Producións porá en escena O montacargas (día 5), Talía Teatro representará Voa, voa! (tamén o día 5), e a cantante Uxía ofrecerá un concerto en formación de trío o venres 26. Marzo será o mes de maior actividade: Inversa Teatro o día 5 con Sofía e as postsocráticas, a mesma xornada que Baobab Teatro estará con Mai mai. Percubebés achegará o seu Almanaque musical o día 12 e, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Teatro, Contraproducións fará dúas funcións de Mocos o 26 e mais o 27 de marzo. As últimas citas deste semestre no calendario amesán dentro da RGTA serán con Caramuxo Teatro e o espectáculo Catro o 16 de abril, La Macana coa peza de danza Pink Unicorns o 30 de abril e a compañía Rebordelos con Liberto o 7 de maio.
R.