Skip to main content

O CDG combina espectáculos e talleres infantís no Nadal dentro do ciclo 'Gran teatro para os máis pequenos'

A través de tres animais considerados máxicos e sagrados en tres culturas (o gato en Exipto, o elefante en África e os peixes koi en Xapón), técese un nexo de unión entre a historia pasada e a presente. As funcións terán lugar o sábado 28 ás 19,00 h. e o domingo 29 ás 12,30 e ás 19,00 h.

Cada unha das representacións será a continuación do taller titulado Creando espazos escénicos, que principiará dúas horas antes e co que os participantes descubrirán distintas sensacións en función das cores, da luz, das texturas e dos volumes que se utilizan nos espectáculos.

Lingua para saborear

Nos mesmos horarios desenvolverase o sábado 3 e o domingo 4 de xaneiro o espectáculo Lambetadas, de Talía Teatro, xunto ao obradoiro Ao revés. As texturas da luz. Dirixido por Santiago Cortegoso, Lambetadas é un espectáculo recomendado para nenas e nenos de 4 a 11 anos de idade, que ten como obxectivo fundamental a concienciación e posta en valor da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual. O traballo de creación baséase nos textos encargados a varios autores (Santiago Cortegoso, Sechu Sende e María Canosa), que son levados a escena con técnicas de clown e de teatro de obxectos. Mediante o xogo escénico e o humor, os dous protagonistas han pasar por diversas situacións cómicas que os levarán, sempre desde unha linguaxe naif e inocente, a encarnar múltiples personaxes con diferentes oficios e disciplinas. Pero acaban descubrindo que a identidade está na propia lingua, porque con ela se poden saborear as lambetadas máis doces e variadas.

No taller Ao revés, cun nariz de pallaso e un xogo de teas, obxectos e palabras, as cativas e cativos vestiranse do revés xogando a ser outros. Descubrirán así como nos pode transformar o vestiario dun personaxe, incluso cando este é un obxecto inanimado. Ademais de buscar novas formas expresivas, o obradoiro céntrase na importancia do vestiario en escena, así como na manipulación de obxectos.

Localidades e reservas de prazas

O Centro Dramático Galego oferta 30 prazas para cada unha das seis sesións dos talleres, que serán impartidos por Elea López na sala da biblioteca do Salón Teatro. Baixo o lema común Saca a arte que levas dentro, estes obradoiros teñen por obxectivo difundir a arte escénica entre os nenos e nenas, xa que están directamente relacionados co que verán a continuación no escenario. Ao mesmo tempo, favorecen a conciliación familiar nestas datas. Os obradoiros están dirixidos especialmente para nenos a partir de cinco anos, que poden quedar neles sos, mentres que nas funcións é necesario que estean acompañados por, cando menos, un adulto. A participación é gratuíta, xa que está incluída no prezo das localidades para os espectáculos, pero é imprescindible a reserva telefónica previa no teléfono 881 867 229 (operativo de luns a venres, de 9,00 a 14,00 h.).

As entradas están xa á venda no servizo electrónico entradas.abanca.com, no teléfono 902 43 44 43 e no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes de cada pase. O prezo xeral por función é de 8 euros para as localidades soltas e de 6 euros no caso da oferta familiar (mínimo de tres entradas para a mesma ou distintas funcións).
R.