Skip to main content

Noticias

  • A 12ª edición da feira Culturgal terá lugar do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. As novidades que ofrecerá este ano o evento foron detalladas no transcurso dun acto no que tamén se anunciou a apertura das convocatorias para a reserva de expositores e para a proposta de actividades cara ao deseño da programación artística e profesional. Entre as novidades de Culturgal 2019 destaca a redistribución espacial do recinto feiral e unha mellor adecuación dos escenarios aos contidos da Feira baixo os nomes Familiar (cos eixos Falar, Moverse e Descubrir), Foro e Carpa, ademais do espazo dedicado á Arte Contemporánea e a incorporación dun específico para a cultura interactiva (videoxogos, apps, etc.)
  • Empate no Premio do Público da MIT 2019. Os espectáculos A.K.A. (also known as) de Cataluña e Jauría, dos madrileños Kamikaze, obtiveron a maior puntuación nunha edición altamente satisfactoria para todos os públicos. A estrea en Galicia destes dous espectáculos non defraudou: o excepcional nivel interpretativo de Albert Salazar en A.K.A. aumenta o palmarés deste fenómeno teatral de pequeno formato que se puido ver na Igrexa da Madalena. Aos 11 premios cos que chegou este texto que fala de cuestións de fondo social coma a islamofobia ou a crise de identidade, súmaselle este rotundo aplauso do adestrado e sensible público de Ribadavia.
  • O Plan de Dinamización das 5 denominacións de orixe do viño de Galicia reforzará a imaxe e a promoción dos viños galegos, ademais de potenciar o seu vínculo co rural. Será unha estratexia común e coordinada que atenderá ás particularidades específicas de cada denominación e reforzará a súa relación co sector turístico aproveitando os recursos do noso patrimonio cultural, natural e paisaxístico. Para contarase con todos os axentes do sector –consellos reguladores, rutas dos viños, viticultores, adegas, investigadores, sector da restauración, entre outros- para acadar esta folla de ruta, que permitirá manter os estándares de calidade, seguir impulsando a internacionalización, incrementar o tamaño das adegas e abordar a remuda xeracional.
  • A xornada " Desenvolvemento do cooperativismo leiteiro galego: Paquete Lácteo" reuniu a preto de medio centenar de profesionais do sector leiteiro. Os principais eixos temáticos da xornada xiraron en torno á PAC, ao Paquete lácteo, ás Organizacións de Produtores, as Interprofesionais e a Mesa do Leite e ao uso dos antibióticos. O primeiro relatorio, de Higinio Mougán,director-xerente de AGACA, destacou que se prevé que a nova PAC dará importancia aos obxectivos de desenvolvemento sustentable relacionados cos plans nacionais integrados de enerxía e clima e de control de contaminación atmosférica, relacionados entre outras cousas, con emprego de xurros e fertilizantes e redución de emisións de gases.
  • A elaboración da ECG21 baseouse nun proceso aberto e participativo que favorecese o debate propositivo e a fixación de liñas, obxectivos e medidas de actuación por parte dos profesionais e empresas culturais, das institucións, das entidades de base e do asociacionismo cultural, para desenvolver unha estratexia da cultura como servizo público, industria cultural e elemento de identidade e cohesión social. En concreto, 490 persoas interviñeron nas xuntanzas territoriais realizadas nas sete cidades galegas e nos oito grupos de traballo sectoriais que xiraron ao redor do Libro, o Audiovisual, as Artes escénicas, a Música no eido da difusión da cultura, a Música como Industria cultural, as Artes plásticas e visuais, o Patrimonio cultural e as Institucións culturais.
  • Hoxe foi presentado no Instituto Antonio Fraguas de Santiago de Compostela o proxecto-homenaxe "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO". Ao acto asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, en representación da Xunta de Galicia; o director do Instituto Antonio Fraguas, Carlos Encisa; o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez; Carolina Martínez en representación da familia de Antonio Fraguas, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz. Este proxecto está composto polo libro “Os nove anos de Fraguas en Lugo”, unha exposición itinerante, composta por doce paneis e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos do libro.
  • Tivo lugar en Tui o concerto da sétima edición de No Bico un Cantar no que preto de 560 rapazas e rapaces acompañados duns 50 docentes lle renderon homenaxe á tradición musical da Raia. A vindeira edición renderá homenaxe á Xeración Nós e terá lugar na provincia de Ourense. O recoñecido pianista e director Maximino Zumalave repetiu como responsable artístico do proxecto. Canda el, tamén volveu participar o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos, ao que se incorporou un músico para conformar un sexteto. Como mantedora do programa a estivo outro ano máis a escritora Rosa Aneiros. No recital participaron alumnas e alumnos dos 7 conservatorios profesionais de Galicia.
  • As Torres Hejduk da Cidade da Cultura de Galicia acollen desde hoxe ata o 18 de agosto Plástico a mareas, unha instalación artística de María José Arceo para alertar da alta contaminación que producen estes refugallos na contorna natural. María José Arceo realizou a intervención a partir de refugallos deste material recollidos da costa galega e do río Sar en Compostela, a súa cidade natal, aínda que vive desde 1984 en Londres. Deste xeito, a artista desprazouse durante o mes de maio a Galicia para realizar limpezas en praias, de xeito individual ou con colectivos, como un de persoas con discapacidade intelectual que asistiron hoxe á inauguración.
  • A misión comercial lévana a cabo 43 empresas, o Clúster do Naval de Galicia (Aclunaga), a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, co obxectivo de potenciar alianzas estratéxicas que contribúan a incrementar a competitividade e a proxección exterior do sectores naval e metal. As empresas e agrupacións empresariais que forman parte da delegación están a ter reunións con armadores e estaleiros noruegueses, entre outros, co obxectivo de atopar novas vías de investimento e colaboración e avanzar acordos comerciais de cooperación, ao tempo que se incrementa o prestixio a nivel mundial da industria naval e do metal galegos.
  • Presentáronse na Casa Habanera de Guitiriz as XII Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño nas comarcas de A Mariña e a Terra Chá. No marco desta iniciativa, impulsada pola Asociación de Amigos do Camiño do Norte Abrindo Camiño e na que colaboran a Deputación de Lugo e os concellos de Lourenzá, Mondoñedo, Foz, Barreiros e Guitiriz, realizaranse catro andainas no mes de xuño para impulsar o Camiño do Norte ao seu paso pola provincia de Lugo. As tres primeiras rutas serán os días 16, 23 e 29 de xuño e discorrerán pola variante marítima do Camiño do Norte, polos municipios de Ribadeo, Barreiros, Foz, Lourenzá e Mondoñedo. A cuarta andaina será o 30 de xuño polo Camiño do Norte ao seu paso polas localidades de Baamonde, en Begonte, e Parga, en Guitiriz.