Skip to main content

Galicia presenta o potencial das empresas do naval e do metal na feira Nor-Shipping, en Noruega

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia, a través do Igape, a misión comercial que levan a cabo estes días en Noruega 43 empresas, o Clúster do Naval de Galicia (Aclunaga), a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, co obxectivo de potenciar alianzas estratéxicas que contribúan a incrementar a competitividade e a proxección exterior do sectores naval e metal.

As empresas e agrupacións empresariais que forman parte da delegación, apoiada polos programas Foexga e Galicia Exporta desenvoltos polo Igape, están a ter reunións con armadores e estaleiros noruegueses, entre outros, co obxectivo de atopar novas vías de investimento e colaboración e avanzar acordos comerciais de cooperación, ao tempo que se incrementa o prestixio a nivel mundial da industria naval e do metal galegos.

Así, destaca o incremento notable das vendas do naval galego no primeiro trimestre de 2019 ao país nórdico, período no que se sumou un volume total de 700.000 euros, preto dos 800.000 euros en vendas acadadas en todo 2018. Pola súa banda, as exportacións a Noruega do sector do metal no primeiro trimestre deste ano superan xa os 3 millóns de euros, mentres que en todo o pasado ano foron de 8,7 millóns de euros. A misión ten tamén como obxectivo reforzar as exportacións globais galegas a Noruega, país ao que o pasado ano exportaron 274 empresas da nosa Comunidade que acadaron un valor total de vendas de 111 millóns de euros.

A delegación participa na Feira Nor-Shipping, un dos eventos internacionais máis importantes para a industria marítima, que pechará as portas o próximo 7 de xuño en Oslo. Á presente edición do evento, enfocada cara a potenciación da economía azul, a innovación e a procura de novas solucións baseadas na sustentabilidade, acoden 900 expositores de preto de 50 países. En 2019 e 2020, a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 11,6 millóns de euros a través dos programas Foexga e Galicia Exporta, o que supón un incremento de 3,7 millóns de euros con respecto ás anteriores edicións, para apoiar a preto de 1000 empresas nas seus esforzos de proxección e consolidación internacional.
R.