Profesionais do sector analizaron a situación do lácteo galego en Santiago
Concha Gafo, do servizo xeral de leite e derivados lácteos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, achegou datos sobre a situación do sector lácteo: España suma o 4% do censo de gando vacún europeo e Galicia o 40% do español. Galicia produce o 38% do leite nacional, aínda que dende o fin das cotas lácteas se reduciu nun 17% o número de gandeiros. Segundo os datos, concluíu: “Podemos afirmar que non hai deslocalización na produción, que era un medo que había coa desaparición das cotas lácteas”. Destacou tamén que o Ministerio “se compromete a regular o papel dos primeiros compradores lácteos” e que realiza “un traballo moi exhaustivo coas Comunidades Autónomas e co sector para establecer as necesidades da PAC”.
En canto á proxectos da Consellería do Medio Rural, Marcos Barreiro, xefe de servizo de Análises e informes, destacou que “entre as cuestións que preocupan á Mesa do Leite atópanse a substitución xeracional, a reorientación produtiva e a xeración na cadea de valor ou a promoción dos produtos lácteos”, e Miguel Ángel Pérez, director xeral de Desenvolvemento rural, centrouse na mobilidade da terra: “Se non podemos ter unha agricultura sustentable porque a estrutura da propiedade non soporta explotacións rendibles, a xente abandona o campo”; un mecanismo para solucionalo, afirmou, é a concentración parcelaria. Galicia suma a menor superficie de parcela por propietario, con 1,7 hectáreas de media, seguida por Canarias con 2,4 hectáreas.
Finalmente, Victorio Collado, técnico de Gandería de Cooperativas Agro-alimentarias de España, centrouse no programa de prescrición e uso razoable de antibióticos en vacún de leite.
R.