Skip to main content

Os espectáculos A.K.A. de Cataluña e Jauría, dos madrileños Kamikaze, Premio do Público da MIT Ribadavia 2019

A crítica galega acolleu deste xeito a estrea do espectáculo fóra de Cataluña: “este prodixioso actor xógao desde o drama na consecución dunha verosimilitude que roza o veraz: ese rapaz adoptado, de entre 15 e 16 anos, que nos conta, desde os seus 18 anos, a experiencia máis traumática da súa vida, cando o seu primeiro amor se veu truncado por unha denuncia racista que o levou ao cárcere. Albert Salazar amósanos unha vítima sen facer o rol de vítima e insúflalle unha fisicalidade e unha autenticidade ao que fai e ao que di, a flor de pel, que consegue a nosa adhesión total.” (Afonso Becerra)

Por outra banda, Kamikaze, na liña do teatro documento, encheu o Auditorio do Castelo e recibiu un gran aplauso por Jauría, espectáculo creado a partir do auto xudicial do caso de La Manada e que en Ribadavia presentou un novo final para a peza despois da sentenza xudicial recentemente coñecida. A intelixente dramaturxia de Jordi Casanovas, a elegante posta en escena de Miguel del Arco ou a perfecta interpretación coral dun gran elenco, conduciron a situar a este espectáculo do último día da MIT compartindo primeiro posto no Premio do Público da MIT 2019.

A MIT 2019 pechou cun balance moi positivo, cunha gran afluencia de público visitante que dinamizou durante máis de 10 días a actividade económica de Ribadavia máis ca nunca. Especialmente nesta edición, o público visitante (tantos colectivos de afeccionados ao teatro de Madrid, Euskadi ou Londres) como de público galego de cidades coma Vigo ou Santiago de Compostela e Ourense, déronlle un impulso ao festival, que crece en diversidade e convivencia.

A multitudinaria homenaxe a Ernesto Chao e de celebración dos 50 anos de Abrente, os espectáculos de rúa ou os coloquios posfunción dos foros da MIT, mostraron o interese e a motivación do público, que nalgúns casos ateigaron as actividades. Os coloquios foron unha aposta dende hai escasamente catro edicións e hoxe xa son un clásico de encontros e preguntas aos artistas que converte a visita á MIT nunha experiencia completa de aprendizaxe, goce e descubrimento.

A MIT afronta retos futuros con todo este respaldo e o aumento da recadación de venda de entradas. En vindeiras edicións, o festival promoverá conseguir máis recursos para realizar máis funcións (que o público non quede fóra en espectáculos de formato reducido e xoias como A.K.A.) e mellorar os servizos existentes. Tamén está en marcha a elaboración dun documental moi especial sobre os 35 anos e cuxas entrevistas e elaboración do guión xa se puxo en marcha aproveitando a actividade deste ano de celebración. Dirixido e producido por Ainhoa e Blanca, de A&B, comunicación e deseño, este orixinal documental será a súa ópera prima.

Foi unha edición especial, de proxección e consolidación exterior, de ampla difusión mediática, de coproducións galegas e grandes referentes internacionais, co apoio institucional da inauguración por parte do Presidente da Xunta pero coa liberdade e independencia dun festival popular, feminista, aberto á crítica e ao xogo teatral amplo. A xestión de todas estas oportunidades para falar dun novo abrente, da transformación e evolución dunha nova escena galega dende Ribadavia, amosando todos os potenciais.
R.