Skip to main content

Noticias

  • En A primeira vez, Artur Trillo dirixe e versiona ao galego un texto do autor polaco contemporáneo Michal Walczak, un dos expoñentes da nova escena europea. Na peza abórdanse as relacións de parella e a incomprensión desde unha perspectiva traxicómica que reflicte as tensións humanas, con crueldade pero tamén con sentido do humor. Na interpretación están María Ordóñez e Toño Casais, habituais de Talía Teatro, que hoxe acompañaron a Artur Trillo, a Juan M. Constenla, concelleiro de Cultura da Estrada, e a Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), na rolda de prensa de presentación da montaxe, unha proposta á que os seus artífices se refiren como “drama disfrazado de comedia”.
  • O Centro Dramático Galego (CDG) compartirá co público a celebración do Día Mundial do Teatro o vindeiro mércores 27 de marzo cunha xornada de portas abertas na súa sede de Santiago. Como en anos anteriores, o programa de visitas guiadas Que se agocha tras o pano? ofreceralles aos asistentes un percorrido polas instalacións do Salón Teatro, ao tempo que lles permitirá coñecer a historia deste edifico da zona histórica compostelá e se achegar ao traballo cotiá do oficio teatral. Este ano o fío condutor das visitas será a cita “O teatro é un país en si mesmo, un gran territorio que abarca o mundo enteiro”, de Carlos Celdrán, dramaturgo e director teatral cubano.
  • Bruce Weber estará presente na décimo quinta edición de Play-Doc, que se celebrará do 3 ao 7 de abril en Tui, para mostrar por primeira vez en España a súa película máis recente, Nice Girls Don´t Stay for Breakfast (2018), cuxo estrea mundial tivo lugar na pasada edición do Festival de Cinema de Venecia. Así mesmo, o célebre fotógrafo e cineasta estadounidense presentará no festival galego a súa aclamada Let’s Get Lost (1988) sobre o músico de jazz Chet Baker, e tamén Broken Noses (1987), a súa primeira longametraxe centrada na figura do boxeador Andy Minsker. O propio Bruce Weber estará en Tui falando en persoa co público de Play-Doc sobre as correspondencias entre estas tres películas e os seus excepcionais protagonistas.
  • Un total de doce espectáculos finalistas competirán polos galardóns. ​Commedia​, de Contraproduccións, opta a un total de 12 premios do teatro galego; ​Divinas Palabras Revolutio​n, do Centro Dramático Galego, é finalista en 7 categorías, e A leituga, de Emedous, aspira a acadar 5 galardóns. Ademais, outras pezas como ​Invisibles, de Redrum Teatro, e ​A Casa O’Rei​, de Ibuprofeno Teatro, optan a 4 premios. A obra ​O servidor de dous amos​, de Talía Teatro, é finalista en 3 modalidades, mentres que montaxes coma ​#Camiños, Anatomía dunha serea, ou ​A nena e o grilo competirán en 2 categorías. Completan o cadro de finalistas ​Arnoia Arnoia, Contos do Recreo e ​Patapatúm.
  • O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a creación das medallas Emilia Pardo Bazán, que inician a súa tramitación e distinguirán as persoas e/ou institucións que coa súa traxectoria ou labor contribuísen e destacasen no desenvolvemento de accións relevantes en favor da igualdade entre homes e mulleres na nosa Comunidade. Deste xeito Galicia quere demostrar a súa gratitude a quen, a través da súa loita pola igualdade constrúe unha sociedade galega mellor para as xeracións que están por vir e ademais recoñecer a traxectoria de todos e todas os que traballan para erradicar as desigualdades de xénero que aínda persisten.
  • A décimo quinta edición de Play-Doc, Festival Internacional de Cinema de Tui, que se celebrará do 3 ao 7 de abril, anuncia un interesante programa de actividades paralelas enfocadas á formación e ao diálogo con diferentes disciplinas artísticas. Baixo o título 'Eppur se muove (E, sen embargo, móvese)' o festival de cinema tudense propón un programa que conecta o traballo de cineastas e fotógrafos. Estas duas formas de expresión artística están a vivir un momento de especial efervescencia creativa, especialmente entre autores e creadores galegos. O obxectivo deste programa é establecer un diálogo entre ambas disciplinas. Nesta edición presentaranse, entre outros, os proxectos audiovisuais e fotográficos de Iván Nespereira, Tono Arias, Rubén Gasalla e Ariadna Silva.
  • A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias - AGACA- organiza no mercado de Abastos de Santiago de Compostela a exposición "Espazos Efémeros de Emprendemento" no marco do proxecto Interreg PocTep LACES. Cun formato de tenda 'pop up' desenvolverase durante seis fins de semana de febreiro a xullo, en xornadas de venres e sábado. A exposición “Espazos Efímeros de Emprendemento” comeza o venres 22 de febreiro en horario de 9.15 a 15.00 horas. O obxectivo desta actividade é ofrecer aos proxectos e empresas da economía social que se atopan en fase de creación ou consolidación unha experiencia real de venda e conseguir unha importante aprendizaxe que lles axude a perfeccionar o seu modelo de negocio.
  • A sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro de Santiago converterase esta semana nun “resort vitivinícola” para acoller a premiada comedia O furancho, da compañía Ibuprofeno Teatro. Marián Bañobre e Isabel Risco son as protagonistas desta montaxe, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, que poderá verse en Compostela do xoves 21 ao domingo 24. Marián Bañobre encargouse de deseñar o vestiario, ademais da escenografía xunto a Santiago Cortegoso, como parte do equipo artístico do que tamén formaron parte Carmela Bueno (movemento escénico), Salvador del Río (deseño de iluminación) e Radio Cos (música), entre outros profesionais.
  • Os espectáculos galegos Elisa e Marcela, de A Panadaría, e A leituga, de Eme 2 Producións, represéntanse esta semana na XV Feria de Artes Escénicas de Madrid MADferia grazas ao intercambio entre este encontro madrileño e o mercado Galicia Escena PRO. Os representantes de MADferia asistiron tamén ao mercado galego, onde tiveron a oportunidade de ver os espectáculos galegos programados, co obxectivo de seleccionar dous deles para a súa carteleira.
  • Galicia presentará iniciativas xa consolidadas como a Ruta da Camelia, os Trens Turísticos de Galicia –dos que se dará conta das novidades da sétima edición–, ou propostas enoturísticas como Paseando entre viñedos e a nova estratexia Galicia Sabe. Tamén estarán presentes os dez produtos cabeceira de marca e celebracións de longa tradición popular que continúan a gozar de moi boa saúde como os Entroidos galegos, con destacada presenza dos nove con recoñecemento turístico: os de Xinzo de Limia, Verín, Viana do Bolo, Laza, Manzaneda, Maceda, Vilariño de Conso, Cobres-Vilaboa e os Xenerais da Ulla.