Skip to main content

O Festival Play-Doc abre o diálogo entre cinema e fotografía e presenta as súas actividades formativas

Este achegamento materialízase no programa Eppur se muove e cuxa proposta se centra en tres eixos de traballo: a presentación de proxectos fotográficos levados a cabo por fotógrafos que se apoiaron no vídeo durante os seus procesos de creación, un encontro entre cineastas e fotógrafos, no que se debaterá sobre as similitudes e diferenzas entre estas materias e finalmente unha exposición cunha selección do traballo destes creadores.

Nesta edición presentaranse, entre outros, os proxectos audiovisuais e fotográficos de Iván Nespereira (30122), Tono Arias (Encarnados), Rubén Gasalla (A paisaxe é fermosa) e Ariadna Silva (Cartografía do esquecemento). O festival propón un encontro aberto co público e os autores destas propostas nun programa que se completa cunha exposición fotográfica.

Seminario Crítica Cinematográfica: O vídeo-ensaio

Nesta décimo quinta edición volve, xa convertido nun clásico, O Seminario de Crítica Cinematográfica, organizado en colaboración coa Asociación Cultural A Cuarta Parede.
Dedicado a todos aqueles que desexen aprender sobre crítica cinematográfica, estes cursos pretenden dotar a estudantes e profesionais de ferramentas críticas para enfrontarse á análise e a reflexión en diferentes traballos audiovisuais. Nesta edición o seminario estará adicado á técnica do vídeo-ensaio, unha figura fílmica na que conflúen diversas correntes do documental e a vangarda. Esta actividade estará dirixida polo recoñecido crítico e programador portugués Ricardo Vieira Lisboa, que xunto co equipo de A Cuarta Parede, terán a tarefa de levar aos alumnos da escritura en texto á escritura en imaxes.

Obradoiros formativos con La Cinematográfica

Un ano máis A Asociación Cultural La Cinematográfica colabora con Play- Doc na organización de obradorios que se celebrarán durante os días do festival.

'Alquimistas do Documental Persoal: A Bólex 16mm e outras formas de levitación'. O obxectivo deste obradoiro é penetrarse no rico campo do documental persoal. Desenvolverase en dúas fases, unha primeira parte teórica na que se visualizarán fragmentos de filmes de autores consagrados do cinema experimental como Jonas Mekas, Maya Deren, Chatal Akerman, Harun Faroki entre outros, para despois pasar á parte práctica no que o grupo de alumnos desenvolverá todo o proceso creativo. Rodarán cunha cámara Bólex de 16 mm (a mesma coa que comezou a experimentar o cineasta Kidlat Tahimik, protagonista dunha das retrospectivas desta edición) revelarán e proxectaranse os seus traballos no festival.
Este obradoiro estará impartido pola cineasta documentalista e docente Xisela Franco.

'Obradoiro Infantil: REC& PLAY [Son e imaxe en movemento]'. Os máis pequenos tamén terán o seu espazo en Play- Doc 2019 co obradoiro dedicado ao son que impartirá o artista multidisciplinar Juanma Lodo onde poderán explorar e descubrir dun xeito divertido o cinema desde os seus inicios ata a vangarda audiovisual contemporánea.

Play- Doc | Punto de Encontro

El Festival Internacional Play- Doc, quere ser un punto de encontro para cineastas e público xerando interaccións a través de todas as súas actividades. Durante esta edición do festival poderase gozar dun amplo programa de actividades como Master Class, encontros, ponencias, etc… que o festival irá anunciando nas próximas semanas.
R.