Skip to main content

Down Galicia lanza unha campaña de captación de doantes polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade

A Federación Galega de Institucións para a síndrome de Down (Down Galicia) acaba de lanzar, con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a súa nova campaña de captación de doantes colaboradores. Baixo o lema “Contigo podemos máis”, pretende concienciar á sociedade galega da importancia dos apoios no proceso de inclusión das persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual.

A campaña, que se difundirá a través de varios medios de comunicación e da web e as redes sociais de Down Galicia, xira en torno á evolución persoal de Dani, un mozo ferrolán de 20 anos coa síndrome de Down. A peza principal deste proxecto é un spot no que se pon en valor a importancia dos apoios para que as persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual alcancen a vivir unha vida sen barreiras nin límites.

Esta iniciativa conta cunha dobre vertente. Por un lado, xerar interese sobre a labor e os programas que levan desenvolvendo a Federación e as súas entidades membro dende hai máis de 15 anos e, por outro, sensibilizar á poboación da importancia que para unha entidade sen ánimo de lucro ten a colaboración cidadá.

Facerse doante colaborador de Down Galicia supón impulsar numerosos proxectos de intervención social que promoven a inclusión de persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual en distintos ámbitos. En concreto, Down Galicia busca captar máis fondos estables que faciliten a mellora do traballo da Federación e as súas entidades membro en áreas como a atención temperá, a educación, a formación e o emprego e a vida adulta e independente, entre outras.

Toda aquela persoa que o desexe poderá colaborar coa Federación a través do enderezo web www.downgalicia.org/doar, onde poderán realizar unha achega puntual ou colaborar dun xeito máis periódico.

Down Galicia está declarada de Utilidade Pública e acollida á Lei de Mecenado. As achegas e doazóns á Federación poden ser desgravadas na declaración da renda ou no imposto de sociedades, solicitando o correspondente certificado de doazón.

Federación Down Galicia

A Federación Galega de Institucións para a síndrome de Down (Down Galicia) conta con entidades específicas para a síndrome de Down nas 7 principais cidades de Galicia. Fundada en 1998, a Federación ten como misión coordinar, apoiar e impulsar o labor de contribución das entidades membro á mellora da calidade de vida de cada persoa coa síndrome de Down e con discapacidade intelectual e das súas familias.
Down Galicia