Skip to main content

ADEGA valora positivamente a iniciativa da Xunta de promover un Plano de Transportes nas áreas metropolitanas

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) valora positivamente a iniciativa da Consellería de Política Territorial de promover por fin un Plano de Transportes para as sete grandes cidades e as súas áreas metropolitanas, así como as medidas contidas na proposta presentada onte polo conselleiro Alberto Núñez. Porén, considera que o Plano presenta graves carencias e resulta claramente insuficiente para promover un modelo de transporte ecoloxicamente sostíbel e socialmente máis xusto.
A proposta de Plano non incorpora medidas de política urbanística e de ordenación do territorio que creen cercanía entre as distintas actividades (traballo, ensino, residencia,...), coa finalidade de reducir as necesidades de desprazamento. A potenciación do uso mixto dos barrios e dos pequenos municipios e a súa dotación con servizos de todo tipo é esencial. A proliferación de urbanizacións e vivendas illadas é unha importante fonte de conflito para o transporte ao dispersar a poboación.
O borrador do Plano céntrase no transporte por estrada e esquece o transporte ferroviario e marítimo. Non contempla o tranvía/tren lixeiro como alternativa á estrada. A creación de modernos servizos de cercanías ferroviarias debería ser unha das prioridades do Plano. Tamén é preciso aproveitar ao máximo as posibilidades do transporte marítimo en comarcas como as de Ferrol, A Coruña e Vigo.
Os feitos demostran que só se consegue unha redución sensíbel do uso do coche se, ao mesmo tempo que se potencia o transporte público, se restrinxe o seu emprego. O Plano ignora totalmente esta realidade, polo que non prevé medidas restritivas do uso do coche como, por exemplo, a adopción de "áreas 30" (velocidade máxima de 30 km/h) nas cidades, a ampliación dos espazos peonais, peaxes de acceso ao espazo urbano como o implementado en Londres este ano, a redución e encarecemento de prazas de estacionamento nos centros urbanos ou a limitación da construción de novas estradas.

O Plano despreza o potencial da bicicleta como modo de transporte urbano. Exemplos como o de Ferrara (Italia), onde máis do 70% da súa poboación emprega a bicicleta como transporte cotián, demostran que a bicicleta non só é lúdica/deportiva.
O Plano non incorpora unha óptica interurbana. Os corredores A Coruña - Ferrol e Pontevedra -Vigo poden considerarse de feito como dúas áreas metropolitanas. Porén, considéranse como áreas separadas e reciben un tratamento independente.
A proposta da Xunta non atende a grupos sociais específicos con problemas de mobilidade (anciáns e anciás, nenos e nenas, persoas con discapacidades). A promoción do transporte público debe incluír medidas específicas para estes colectivos (vehículos, información, horarios,...).
Adega