Skip to main content

A Cidade da Cultura convida ás familias á plantación simbólica de árbores no Bosque de Galicia

A Cidade da Cultura de Galicia convida de novo á cidadanía a participar dunha forma simbólica na segunda fase do Bosque de Galicia, plantando unha árbore no Gaiás a través do programa 'Ponnos verde!', que pon en marcha A Fundación Cidade da Cultura, co apoio da Fundación USC Deportiva e o patrocinio de Viaqua.

Co programa ‘Ponnos verde!’ persoas a xeito de iniciativa individual ou en grupos poderán acudir os sábados pola mañá e contribuír a seguir enchendo de vida as ladeiras do Gaiás na segunda fase da creación do Bosque de Galicia.

Esta plantación simbólica de árbores arrancará o primeiro sábado de decembro, o día 2, e terá lugar todos os sábados ata o 24 de marzo, agás os das vacacións de Nadal (23 de decembro e 6 de xaneiro). Con esta actividade, a Fundación Cidade da Cultura busca dunha forma lúdica e ao mesmo tempo didáctica achegar a cidadanía ao proxecto, ao tempo que se difunden valores naturais e de conservación ambiental.

En cada xornada organizaranse dous grupos de 25 persoas: a primeira quenda ás 10 e a segunda ás 12 horas. Ademais de plantar unha árbore, os participantes farán un percorrido polo Bosque de Galicia; coñecerán de primeira man o proxecto; e levarán para casa unha foto e diploma que acredite a súa contribución a este espazo verde. A actividade é de balde mais é preciso inscribirse previamente en www.fundacionuscdeportiva.org ou a través da páxina web da Cidade da Cultura: www.cidadedacultura.gal

Bosque de Galicia

Recorrer á participación cidadá é un xesto simbólico co que a Fundación Cidade da Cultura busca implicar á sociedade nesta nova área verde que supón o Bosque de Galicia para a cidade de Santiago de Compostela.

O Bosque de Galicia é un proxecto transversal no que colaboran cinco consellerías: a de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a de Economía, a de Emprego e Industria, a de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a de Infraestruturas e Vivenda e a de Medio Rural.

Segunda fase O proxecto da segunda fase do Bosque de Galicia comezou o pasado mes de agosto e suporá a ampliación en dez hectáreas e 4.500 árbores de especies autóctonas ao redor da Cidade da Cultura.

Cando se rematen, contará cunha superficie total de 34 hectáreas e preto de 12.000 árbores novas. O resultado será unha ampla alfombra verde destinada ao ocio ao aire libre de todos os galegos e un pulmón ecolóxico cun impacto positivo sobre o metabolismo medioambiental de Santiago. Está previsto que os traballos da segunda fase rematen na primavera de 2018.

O Bosque de Galicia forma parte do Plan de humanización dos espazos exteriores da Cidade da Cultura, que incluíu outras actuacións como o Xardín Literario, o parque do Lago, o parque da Balea, a área de lecer sur ou o axardinamento dos aparcadoiros.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia