Skip to main content

Galisenior 2018 ofrece máis de 50 actividades para promover un envellecemento activo, autónomo e saudable

Está especialmente dirixida a un núcleo de poboación que representa o 25% da demografia galega (e que nalgúns concellos da provincia de Ourense pode elevarse ata o 40 ou o 50%), ás súas familias e aos profesionais que traballan neste sector. Galisenior reúne ademais a todos os axentes sociais galegos, públicos e privados, involucrados na atención ás persoas maiores como son as distintas Administracións, diferentes empresas do sector, a Universidade, colexios profesionais e numerosas asociacións e federacións de toda Galicia.

A 11ª edición de Galisenior foi presentada esta mañá en Expourense nun acto no que participaron a delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández Fernández; a concelleira de Asuntos Sociais do Concello de Ourense, Sofía Godoy Gómez-Franquweira; o coordinador do Programa de Maiores da Universidade de Vigo-Campus de Ourense e presidente do comité asesor de Galisenior 2018, Alberto Vaquero García; e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín Carballo.

Todos eles coincidiron en que esta cita “é un foro que nos servirá ás distintas administracións para escoitar as opinións das propias persoas maiores respecto ós servizos que se lles prestan”. Tamén se indicou que o obxectivo desta feira é ofrecer unha imaxe positiva da vellez e buscar o incremento da calidade dee vida e do benestar dos maiores.

Como é habitual, Galisenior 2018 xirará sobre tres eixos: as xornadas técnicas dirixidas aos profesionais, ás actividades dirixidas ás persoas maiores e a área expositiva onde participarán entidades e empresas para presentar produtos e servizos especializados.

FEIRA

Participarán en Galisenior 2018 un total de 45 expositores. A nivel institucional, estarán representados tanto o IMSERSO, como a área de Benestar da Deputación Provincial de Ourense, a Consellería de Política Social e o Concello de Ourense, a través da Concellería de Asuntos Sociais. Todos aproveitarán a súa presenza no salón para dar a coñecer as políticas sociais que están a poñer en marcha e para comunicarlle ós maiores, as familias e ós profesionais que traballan con eles, todos aqueles servizos dos que poden beneficiarse. Outras entidades como colexios profesionais, asociación e federacións, organizarán distintas actividades ó tempo que contarán cun stand dende o que presentar as súas finalidades, destinadas a mellorar a calidade de vida dos maiores especialmente cun enfoque preventivo.

Empresas provedoras de produtos e servizos especializados completarán a exposición e realizarán tamén propostas prácticas para fomentar un envellecemento activo e saudable. Entre os sectores representados atópanse residencias; centros de día; mobiliario e equipamento adaptado; axudas á mobilidade; servizos de atención á dependencia; formación e beleza e estética.

XORNADAS TÉCNICAS PROFESIONAIS

As xornadas técnicas de Galisenior converteranse un ano máis no punto de encontro para os profesionais dos sectores sociosanitario e xerontolóxico de Galicia e do Norte de Portugal e tamén para os coidadores de maiores e dependentes. Nelas, 40 expertos abordarán dende distintas perspectivas a situación actual dos maiores na nosa comunidade, contando coa participación dos colexios profesionais de Psicoloxía, Traballo Social, Podoloxía e Educación Social ou Farmacia, investigadores das universidades galegas e do Norte de Portugal e outros expertos.

Varias mesas de traballo integradas por profesionais de distintos ámbitos analizarán temas de plena actualidade como “a calidade asistencial na atención socio-sanitaria”, ou o “empobrecemento das persoas maiores”. As investigacións e proxectos promovidos dende as universidades galegas terán ademais protagonismo nestas xornadas. O Grupo de Investigación en Xerontoloxía da Universidade da Coruña presentará a aplicación clínica das súas investigacións e os seus programas de prevención da fraxilidade dos maiores.

Pola súa parte, a Universidade de Vigo tamén presentará nunha mesa redonda o seu Programa para Maiores, así como o proxecto europeo KIPAM ("Knowledge is power, age ain´t matter, "O coñecemento é poder, a idade non importa") de ensinanza universitaria para persoas maiores. Nesta mesma mesa participará tamén a Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos que puxo en marcha unha experiencia interxeracional que conta co apoio da Fundación Amancio Ortega. Un ano máis, investigadores da Escola Superior de Tecnologia e Gestao de Lamego aproveitarán Galisenior para presentar os seus últimos estudos presentando ademais casos reais.

Estas xornadas tamén abordarán a prevención e tratamento de patoloxías frecuentes entre as persoas maiores galegos como demencias neuneurodexenerativas eo alzheimer ou o coidado dos pés nas persoas con diabetes. Tamén se falará de hábito saudables antienvellecemento; do papel da innovación tecnolóxica na prevención da dependencia; da importancia de contar cun médico de familia e un farmacéutico “cercano” ou de intervención asistidas con cans. Pola súa parte, o o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organizará un obradoiro sobre “Cambios na fala, cambios na mente”.

A asistencia a estas xornadas é de carácter gratuíto e precisa de inscrición previa a través de www.galisenior.es. Entregarase diploma acreditativo.

ACTIVIDADES PARA MAIORES

As actividades dirixidas aos maiores e tamén ás súas familias de Galisenior 2018 promoverán un envellecemento activo, saudable e seguro a través do exercizo físico, estimulación da memoria ou traballos manuais. O programa desta edición inclúe máis de 50 actividades orientadas á estimulación do corpo e da mente. Unha das novidades desta edición será a charla e o obradoiro de “Musicoterapia xerontolóxica” a cargo de Instituto Xerontolóxico Galego e da Cátedra Cruz Vermella da Universidade de Santiago de Compostela.

No referente á actividade física, Galisenior permite practicar ximnasia, exercicios hipopresivos, coreografías, cachibol, ioga e relaxación, tai-chi ou pilates. Non faltará tampouco a sesión de baile prevista para a xornada inaugural ás 18.30 h. Dentro das actividades relacionadas coa estimulación cognitiva, os visitantes poderán practicar animación á lectura, exercicios de memoria, pintura con témperas, traballos manuais ou participar nas actividades de ludoterapia interxeracional.
Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense)