Skip to main content

Inaugurada a mostra 'Que ninguén quede atrás', de Fademga, para dar unha maior visibilidade ás persoas con discapacidade intelectual

O presidente de Fademga, Eladio Fernández, tamén asistiu ao acto de apertura desta exposición, que forma parte da campaña “CapacitARTE” na que participan a Xunta e as entidades que forman parte do Comité Español de Persoas con Discapacidade na Comunidade Autónoma (Cermi Galicia). Esta iniciativa consiste na realización de mostras monográficas sobre os servizos e proxectos que levan a cabo cada unha das organizacións que forman parte da delegación galega do Cermi.

Na súa intervención, a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Fabiola García, explicou que o obxectivo desta serie de exposicións “é dar visibilidade ás persoas con distintas capacidades, así como poñer en valor a importante tarefa que levan a cabo as entidades, sempre a pé campo e ao carón das persoas que máis precisan de apoio e das súas familias”.

Nesta liña, a directora xeral felicitou a Fademga polo traballo que realiza a prol da plena inclusión, que está documentado na exposición que hoxe se abriu de maneira oficial. “Detrás destas imaxes está todo o traballo, esforzo, dedicación e afán de superación que cada día amosan as persoas con discapacidade intelectual”, apuntou.

A responsable autonómica garantiu o compromiso da Xunta de seguir traballando pola integración real e á igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade, tanto a través de novas convocatorias de emprego reservadas en exclusiva para este colectivo como favorecendo nos criterios de licitación de servizos a aquelas entidades e empresas sociais nas que estas persoas supoñan unha porcentaxe importante do seu persoal.

Así mesmo, Fabiola García subliñou o reforzo económico dos convenios de colaboración coas entidades do ámbito da discapacidade, cuxas contías medran de novo este ano un 5%. E, ao fío disto, lembrou que o actual orzamento autonómico incrementou nun 8% as partidas económicas para servizos, programas e axudas destinados a persoas con discapacidade, ata situarse nun montante total de case 103 millóns de euros. “Continuaremos traballando man a man coas entidades, facilitándolles os recursos que precisan para que poidan prestar un mellor servizo”.

A campaña “CapacitARTE”, que se está a desenvolver nas instalacións de San Caetano, consiste na realización de exposicións monográficas sobre os servizos e proxectos que levan a cabo cada unha das entidades que conforman o Cermi-Galicia. O obxectivo, é dar visibilidade ás persoas con discapacidade, ao mesmo tempo que o movemento asociativo pode contar dunha maneira máis exhaustiva o traballo diario dos profesionais en prol do colectivo de persoas con discapacidade intelectual e familias.
Fademga