Skip to main content

Rutas de Historia, unha nova forma de facer turismo cultural da man das asociacións de defensa do patrimonio

Precisamente, coa idea de recuperar ese patrimonio oculto que atesoura Galicia o proxecto Rutas de Historia, pon en marcha a súa segunda xeira de roteiros históricos por toda Galicia para concienciar á sociedade galega da importancia que ten a súa historia e o seu patrimonio. Uns roteiros que queren servir para fixar na poboación a idea de que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis teñen unha importancia cultural e natural fundamental para entender a idiosincrasia de Galicia.

Neste sentido, Rutas de Historia, ten previsto a realización de oito andainas históricas polas catro provincias galegas para ir fixando na poboación a idea de que a historia e o patrimonio tamén poden ser riqueza para un país. As rutas previstas abarcan varios períodos históricos; desde o neolítico ata a época contemporánea.

Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal www.historiadegalicia.gal e que contan co soporte de Abanca e da Deputación de Lugo, colaboran representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Patrimonio dos Ancares, o Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo, o Colado do Vento, a Asociación María Castaña ou o Colectivo Capitán Gosende.

Así, entre os guías destas andainas estarán Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio; Miguel Losada, secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA); Manuel Gago, director de Cultura Galega e investigador; Elixio Vieites, investigador e membro de Patrimonio Galego; Xabier Moure, presidente de Patrimonio dos Ancares; Paula Vázquez Verao, do Colado do Vento ou Xurxo Ayán e Xosé Gago do Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo.

Andainas

Os roteiros previstos son oito:

• Na procura dos castros que naceron á beira do mar
• Polas terras irredentas de Lemos: A ultima gran batalla dos guerrilleiros en Galicia
• As pegadas prehistóricas, románicas e etnográficas no Canón do Sil, o río que fixo Galicia
• As Ánimas, os mouros e os misterios milenarios dos Ancares
• Camiñando pola Idade do Ferro na “carretera da República”
• A ruta das pedras lendarias de Santa Mariña de Esteiro
• Cabaleiros, Xinetes e Monxes Arraianos. Os castelos e os mosteiros que fixeron A Limia
• A Galicia dos señores. Os segredos do Pazo de Oca

As andainas comezarán o 15 de setembro e rematarán o 20 de outubro de 2017. Teñen unha duración de entre catro e cinco horas e serán realizados durante as mañás do sábado ou do domingo. Os guías explicarán, en varios puntos, os contextos históricos por onde pasan os camiñantes. Serán circulares e as persoas interesadas terán que levar roupa axeitada e comida e bebida para o camiño. Todos os participantes deberán inscribirse, previamente, na páxina web do proxecto cunha antelación de máis de 24 horas.

Importancia da xente e das asociacións

A presentación destas novas andainas tivo lugar este mércores en Lugo coa participación de Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio; Argelio Fernández, alcalde da Fonsagrada e vicepresidente da Deputación e Xurxo Salgado, impulsor de Historia de Galicia.

Durante a presentación deste martes Manolo Miranda destacou a importancia que as asociacións e a cidadanía teñen na conservación do patrimonio en Galicia. “Sen elas non se entendería a conservación de moitos bens e monumentos deste país“, dixo. Un feito que tamén destacou Xurxo Salgado que indicou que este proxecto de rutas non se podería facer sen a “fundamental implicación” destas entidades e, sobre todo, da concienciación da xente que participa nelas. “A forza disto está precisamente neses homes e mulleres que fan unha chea de quilómetros, ás veces ata 200, para coñecer e disfrutar dun fantástico pedado da nosa historia, indicou.

Pola súa banda, Aregelio Fernández incidiu na vertente cultural, paisaxística e turística destas andaianas. “Con este ciclo pretendemos achegar a riqueza paisaxística e patrimonial coa que contamos na provincia, incidindo na importancia de conservar o medio ambiente”, dixo. Ademais, destacou que a xente que participa nelas axuda a “dinamizar a economía do rural lugués”.

Roteiros en 2017

Rutas de Historia realizou en 2017 a primeira xeira deste proxecto que consistiu en sete roteiros históricos. A inscrición en todos os roteiros tivo que pecharse ao terceiro día de abrir o sitio oficial debido a enorme demanda e expectativa que xeraron. Máis de 6.000 persoas consultaron a web www.rutasdehistoria.gal durante eses tres primeiros días. Nos sete roteiros participaron, finalmente, case 500 persoas e a valoración do conxunto do proxecto foi dun 4,75 sobre cinco, cun 77% dos participantes que deron a máxima puntuación.
Rutas de Historia