Skip to main content

Nas Verzas, un festival punk e feminista en Vigo

Ademais, este ano –como novidade e gran atractivo- a asociación instalará na rúa Irmandiños unha estrutura feita con material reciclado que ambientará e dará cor a unha das zonas máis festeiras de Vigo.

Dende o colectivo explican: “o noso lema fai lembranza ás nosas avoas, esas bravas que loitan cada día na súa casa, no campo, coa súa familia… Elas que sufriron a opresión máis crúa e que, aínda así, convertéronse nas nosas referentes de empoderamento. Son o ‘underground’ da esfera familiar, coas que a maioría medramos e aprendemos a loitar”.

As bandas que actuarán esta fin de semana no barrio de Irmandiños van ser Cheap Lipstick e Serpiente o venres na Sala Doppler a partir das 22.30 horas e Decibélicas o sábado na Sala Kominsky, tamén a partir das 22.30 horas. Unha vez rematados os concertos cada sala acollerá cadansúa sesión Dj para rematar a noite. O venres será Seilaesencia a encargada de facer quecer o corpo, e Lakenobaila deleitaranos o sábado con ritmos do garaxe, do rock, do punk e tamén da electrónica.

A tarde do sábado estará amenizada cun mercadiño de artistas de diferentes eidos como o deseño, a ilustración, o fanzine e a artesanía. Ás 17.00 horas dara comezo unha mesa redonda coas bandas do festival máis unha banda invitada, Heroínas, referentes da cultura punk rock de Galicia, onde debatirán acerca da figura da muller dentro do punk e, en palabras das organizadoras “de todo o que queda por sachar nesta leira”. Para rematar a tarde, haberá obradoiros para toda a familia, nos que os e as asistentes poderán aprender a reciclar todo o que atopen na rúa para darlle forma e convertilo en materiais decorativos, engadindo máis personalidade á instalación que xa estará pendurada na rúa. Ademais, o colectivo de artistas circenses, Malas Llamas, impartirá un obradoiro de malabares para logo ofrecer unha demostración do seu espectáculo ás 21.30 horas, cando caia o Sol.

Cómpre facer fincapé en que a asociación feminista 85C fai todo sen ánimo de lucro e que todo o diñeiro conseguido no festival reinvertirase na súa labor de promoción e visivilización de mulleres artistas. O obxectivo fundamental para elas é crear conciencia da falta de presenza de mulleres nos festivais, concertos, exposicións, teatros e, en definitiva, na escena pública.
85C