Skip to main content

A APECSA convoca o VII Premio Internacional de divulgación do Camiño de Santiago, dedicado a Segundo Vázquez Portomeñe

Entre as obras presentadas poden estar libros, publicacións, traducións, producións audiovisuais, series en calquera soporte, congresos, xornadas, encontros, etc. Tamén poderán presentarse accións realizadas por institucións e persoas físicas ou xurídicas, en defensa e beneficio do Xacobeo e do Camiño de Santiago.

Esta edición está dedicada a Segundo Vázquez Portomeñe (Taboada -Lugo-, 1940 - 2019), mestre, licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, director de departamento de Cultura e Programas Xacobeo 93, xefe do Servizo de Promoción do Camiño de Santiago na Xunta de Galicia, director de “La Gran Obra de los Caminos de Santiago”, de Hércules Edicións, membro de APECSA e experto estudoso do Camiño de Santiago e do Xacobeo.

O premio, igual que nas seis edicións anteriores, non terá dotación económica e consistirá nunha escultura, Harmonía, de Luís Loureira, e un diploma acreditativo. Na edición do ano pasado foi premiado o Parlamento de Galicia e en edicións anteriores o premio correspondeulle ao Deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, a José Antonio Ortiz, director da revista Peregrino, e a Javier Gómez-Montero, catedrático de Literaturas Románicas da Universidade alemana de Kiel, pola súa obra “Imaginarios jacobeos entre Europa y América”.

O prazo de presentación de candidaturas para o Premio concluirá o día 9 de setembro de 2019 e deberán dirixirse ao correo electrónico: periodistas.caminodesantiago@gmail.com ou ao seguinte enderezo: Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), Rúa Castrón Douro, nº 20. 15703 Santiago de Compostela (A Coruña). Os membros do Xurado, unha vez constituído e antes de comezar as deliberación, poderán presentar candidaturas. O acto de entrega do Premio realizarase no último trimestre deste ano.

O xurado estará formado por cinco persoas de recoñecida traxectoria. Dous membros corresponderán a APECSA e serán designados pola súa xunta directiva, e os tres restantes representarán ás asociacións ou colexios de xornalistas, ao mundo da hostalería e o comercio vinculados ao Camiño, e ás entidades xacobeas (asociacións, institucións, etc.).
Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago