Skip to main content

Antía Veres Gesto, gañadora da XVIII edición do Premio Plácido Castro de Tradución

O xurado valorou especialmente “a capacidade de recreación da autora así como o acerto do uso dun galego extremadamente natural e próximo, empregando unha fraseoloxía propia sen alterar a atmosfera orixinal da novela. Ademais chamou a atención sobre a significación da autora e a obra elixidas, inédita ata agora no noso sistema literario, que gozou sempre de amplo recoñecemento tanto nos EUA como a nivel mundial”.

O xurado estivo integrado por Olga López (Xunta de Galicia), Fernando Moreiras (Asociación de Tradutores Galegos), Ana Luna Alonso (Universidade de Vigo), Víctor Caamaño (Fundación Plácido Castro), Xulio Ríos (IGADI) e Xosé Luís Franco Grande (Real Academia Galega).

Sobre Antía Veres Gesto

Licenciouse no 2013 en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, co Premio Extraordinario de Fin de Carreira. Dende entón, dedícase á tradución, ámbito no que traballa en varios proxectos, entre os cales destacan os de tradución literaria, que é o campo que más lle atrae e co que máis realizada se sinte. Neste eido, no 2017 recibiu pola tradución de Detrás da máscara, de Louisa May Alcott, o I Premio Realia de Tradución, galardón convocado pola editora Hugin e Munin e polo Concello de Santiago de Compostela. Ademais, no 2013, gañou o primeiro accésit pola tradución d’O conto de Nadal de Auggie Wren, de Paul Auster, nos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria da Universidade de Vigo.

Firme defensora da lingua galega, no 2009 foi unha das fundadoras da asociación Trabalingua, da Universidade de Vigo, que avogaba pola normalización da lingua galega no eido universitario. Foi presidenta da asociación entre os anos 2011 e 2012.

Esta é a relación das súas traducións literarias publicadas:

- O conto de Nadal de Auggie Wren, de Paul Auster (inglés>galego), publicado en Premio 2013 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo por Xerais, a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia. Tradución galardoada co primeiro accésit.
- Un amante fantasma, de Vernon Lee (inglés-galego), publicada por Hugin e Munin.
- Detrás da máscara, de Louisa May Alcott (inglés>galego), publicada por Hugin e Munin e gañadora do I Premio Realia de Tradución.
- Unha muller perdida, de Willa Cather (inglés>galego), publicada por Hugin e Munin.
- Unha historia detectivesca de dobre canón, de Mark Twain (inglés>galego), publicada por Kalandraka.
- A orde do día, de Éric Vuillard (francés>galego), publicada por Kalandraka.
- Arde, hedra, de Francisco Javier Suárez Lema (español>galego), publicada na Revista Galega de Teatro.
- O planeta dos simios, de Pierre Boulle (francés>galego), publicada por Kalandraka.

Sobre Willa Cather

Willa Cather (1873-1947), malia ser un dos grandes referentes da literatura estadounidense de comezos do século XX, aínda non podiamos ler en galego. É importante salientar que estivo enredada en revistas, na crítica teatral e na docencia antes de dedicarse por completo á actividade literaria, coa que acadou un gran recoñecemento. Centrouse maioritariamente na novela, modalidade na que destacou con One of Ours, gañadora dun Premio Púlitzer, e con My Ántonia.

Sobre Unha muller perdida

Trátase dunha novela de 1923 na que un dos personaxes, o mozo Niel Herbert, narra a historia dunha peculiar muller chamada Marian Forrester. Esta casa co rico capitán Forrester e acaba asentándose na pequena localidade de Sweet Water, no Oeste norteamericano. Non obstante, o seu modo de actuar é tan singular e tan diferente ao do resto de mulleres da época que non deixa indiferente a ninguén e provoca as críticas ou o interese da veciñanza.

Willa Cather fai unha descrición extraordinaria tanto do lugar e da época coma dos distintos personaxes, e sitúanos nun alto de esplendor dende o que iremos caendo a medida que a decadencia se introduce e acapara todos os aspectos da novela: por unha banda, esboróase a sociedade do Vello Oeste, cuxos valores de esforzo e de pertenza se van perdendo; pola outra, está o propio matrimonio Forrester, que comeza a experimentar problemas económicos e físicos co ineludible paso do tempo. Así, a autora, a través do noso narrador, xoga coa decepción que adoita levar consigo a entrada na madureza e a visión adulta da vida, a cal nos presenta novas dificultades ante as que temos que sobrepoñernos, aínda que moitas veces os camiños que sigamos susciten rumores e desilusións entre as persoas que nos arrodean.

Fundación Plácido Castro