O congreso da Asociación Internacional de Psicoxeriatría cita en Santiago a 500 profesionais de todo o mundo ata o 3 de setembro

O reitor da USC, Antonio López Díaz, e o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuíña, inaugurarán este sábado 31 de agosto, ás 18.30 horas, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o congreso anual de IPA, un foro que por vez primeira recala en Galicia e que tamén engloba a reunión da Sociedade Española de Psicoxeriatría (SEPG). O alcalde do Concello de Santiago, José A. Sánchez Bugallo; a presidente de IPA, Mary Sano, e o presidente do comité organizador deste congreso internacional, o profesor da USC Raimundo Mateos, tamén intervirán na sesión de apertura deste congreso, no que, do mesmo xeito que fai a IPA, os distintos participantes abordarán a saúde mental das persoas maiores cun enfoque integral e interdisciplinar, agrupando todas aquelas especialidades médicas implicadas nos coidados deste grupo de poboación.
O programa do congreso permitirá debater sobre as medidas sociais necesaria para aumentar o benestar das persoas maiores, ao tempo que tamén prestará atención á abordaxe desta tipoloxía de trastornos nos distintos niveis asistenciais: na atención primaria, no nivel especializado e nas residencias. Tamén terán cabida os aspectos éticos, legais e outras cuestións como a sobrecarga do coidador non profesional.
O presidente do comité organizador do congreso, o profesor da USC e responsbale da Unidade de Psicoxeriatría no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (Chus), Raimundo Mateos, que guiará un obradoiro sobre unidades de psicoxeriatría no marco deste congreso, salientou que a celebración desta reunión internacional en Galicia constitúe unha oportunidade para a “ actualización e posta ao día” sobre todo o relacionado coa psicoxeriatría.
A realidade galega, que pola súa demografía pode considerarse un laboratorio do envellecemento en Europa e no contexto mundial, reforza se cabe a pertinencia da celebración deste congreso internacional en Santiago, dixo Mateos, para, de seguido, engadir que o desenvolvemento da psicoxeriatría en Galicia precisa un novo pulo para situarse ao nivel doutros países desenvolvidos e, sobre todo, para dar resposta ás necesidades advertidas na súa poboación.
IPA
O programa do congreso da IPA arrancará este sábado 31 de agosto cun debate arredor da saúde mental en atención primaria para as persoas maiores, ao que seguirá a sexta Conferencia internacional sobre capacidade na que, entre outros cuestións, revisaranse a situación actual respecto da morte voluntaria asistida, o divorcio ou matrimonio ou a dirección financeira, así como sobre a capacidade testamentaria, capacidade profesional ou sobre suicidio, influencia indebida e maltrato de persoas maiores.
Neste primeira xornada tamén se tratarán os novos enfoques clínicos e estratexias de investigación respecto da figura do coidador; a enfermidade de Alzheimer; a medición da conduta desafiante; o uso inapropiado de substancias psicotrópicas no coidado de anciáns a longo prazo; a dor nos adultos maiores con deterioro cognitivo e a demencia de aparición temperán, entre outras cuestións.
Polo que respecta á SEPG, a xuntanza comezará o domingo 1 de setembro falando sobre trastornos duais en poboación xeriátrica, tema do simposio de colaboración entre a SEPG e a Sociedade Española de Patoloxía Dual, e continuará cun segundo simposio coa Societat Catalana de Psiquiatría para tratar o trastorno bipolar no ancián.
Asociación Internacional de Psicoxeriatría