Créase en Ourense a Rede Provincial de Concellos Termais que permitirá seguir impulsando o potencial económico e turístico destas augas

Tal e como trasladou Conde aos asistentes, a lei inclúe velar por manter a seguridade e a hixiene dos aproveitamentos turísticos das augas termais; garantir a sustentabilidade medioambiental dos asentamentos cunha explotación racional dos seus recursos; a protección da integridade como recurso natural dos mesmos; e promocionar o desenvolvemento económico e social dos concellos que posúan redes termais. Esta normativa céntrase expresamente no emprego lúdico das augas termais, complementando a normativa vixente sobre a súa práctica terapéutica. A este respecto, diferencia entre balnearios (co emprego medicinal) e espazos termais (centrados no turismo).
Durante a súa intervención, o conselleiro realizou un chamamento aos asistentes para garantir a estabilidade termal dos concellos de Ourense. Conde asegurou que esta rede blinda os valores identitarios, ofrece unha xestión non invasiva dos asentamentos e permite a comunicación proactiva entre os axentes chave do eido: “Debemos ofrecer garantías para reforzar a política termal e toda a oferta de servizos para continuar sendo referentes neste eido”, sinalou o conselleiro.
Galicia, forza termal
A comunidade galega constitúe a maior forza termal a nivel nacional, con 300 captacións de augas mineromedicinais, 21 balnearios (con 7 deles con distintivo Q de Calidade Turística) e 3 centros de talasoterapia. Esta oferta inclúe 3.000 prazas hosteleiras con preto de 150.000 usuarios, facturando 60 millóns anuais e empregando a preto de 1.400 persoas.
Este músculo económico trasládase particularmente á provincia de Ourense, que conta na súa circunscrición con 7 balnearios (o 35% do total nacional), e coa súa capital de provincia homónima como a segunda cidade europea con maiores reservas de augas mineromedicinais, só superada por Budapest.
Rede Provincial de Concellos Termais de Ourense