Skip to main content

Comeza o ciclo de cine e dano cerebral adquirido de FEGADACE na Coruña

A entrada é de balde ata completar o aforo. Este proxecto conta co apoio da Deputación da Coruña e coa colaboración de Afundación. Ademais, profesionais de ADACECO e Sarela van moderar as sesións de debate e resolver calquera dúbida sobre o tratamento do dano cerebral nas tres películas seleccionadas:

Anxos sen paraíso (A child is waiting. John Cassavetes, 1963). 102 m. VOSE

• A Coruña * 15/10/2019 * 19:00
• Santiago * 31/10/2019 * 19:00

Jean Hansen é profesora nun colexio para nenos con necesidades especiais no que coñece a Reuben, a quen enche de atención e agarimo, o que lle crea problemas co director do centro, que considera a súa actitude contraproducente. A película foi filmada nos anos 60 en colaboración co hospital de Pomona; o seu reparto está composto por nenos e nenas con diferentes discapacidades intelectuais e problemas de saúde mental.

O meu fermoso cerebro roto (My beautiful broken brain. Sophie Robinson & Lotje Sodderland, 2014). 86 m. VOSE

• Santiago * 16/10/2019 * 19:00
• A Coruña * 22/10/2019 * 19:00

Reflexión autobiográfica sobre a fraxilidade do cerebro e os cambios na vida despois do ictus sufrido pola produtora de 34 anos Lotje Sodderland, que comezou a gravar o proceso de recuperación co seu móbil e deseguida pediu o apoio da documentalista Sophie Robertson. Conseguiron implicar tamén a David Lynch, que apadriña un filme no que a súa poética está presente para explicar a lesión cerebral e as súas secuelas e as sensacións que provocan.

Máis alá do espello (Más allá del espejo. Joaquim Jordà, 2006). 123 m. VO

• Santiago * 23/10/2019 * 19:00
• A Coruña * 28/10/2019 * 19:00

En 1997 o director Joaquim Jordà tivo un ictus que cambiou totalmente a súa vida e a súa obra deixándolle dúas secuelas: agnosia e alexia. Entrou en contacto con Esther Chumillas, conquense de 18 anos con agnosia desde os 15 por causa dunha meninxite. Con ela, e con outras persoas con dano cerebral, constrúe un relato sobre como se percibe a “realidade” e sobre os retos de afrontar unha nova vida e de sobrepoñerse fronte á adversidade.


O mundo púxose ao revés. Historias sobre o dano cerebral adquirido (Miguel Gallardo & FEGADACE, 2019). 1,47 m. VO

• Proxeccións ao inicio de todas as sesións.

A Federación Galega de Dano Cerebral e o ilustrador Miguel Gallardo xúntanse para elaborar unha peza audiovisual na que se poñen en relación as causas do dano cerebral adquirido coas súas consecuencias ou secuelas. O coñecemento que FEGADACE ten do dano cerebral e a experiencia en relatar a discapacidade de Miguel Gallardo conflúen para resumir o enorme xiro vital que provoca o dano cerebral e como, con apoio, é posible facer unha nova vida.
Fegadace