Skip to main content

A MIT de Ribadavia recibe o premio Adolfo Marsillach a unha labor teatral significativa

O Director da MIT mostrou a satisfacción de todo o equipo do festival ante o recoñecemento da profesión do conxunto de España a un festival histórico pero con desexo de ser cómplice das necesidades do presente, tanto do público coma das novas creacións. A MIT de Ribadavia é sen ningunha dúbida (e este gran recoñecemento refórzao) o principal sinal de identidade do teatro galego dentro e fóra de Galicia: un festival con raíces, aberto ao mundo, con capacidade de asumir riscos e responsabilidades que poñan en valor o patrimonio e a creación galega no exterior. O Director falou dun festival que propicia e que facilita, que permite tomar conciencia crítica da xenealoxía cultural e que o novo se lea en relación ao contexto e ao pasado, que abre a porta dos dereitos da cidadanía a unha cultura escénica diversa e pon en valor os impulsos do común. A MIT é un mapa de afectos, de esforzos e de innovación dende a periferia e sen complexos, un festival que reforza a idea de cultura como traballo constante, a prol da comunidade e sen efectismos, unha reivindicación do rigor e da lexitimación do exercicio profesional como servizo público, sen propagandas nin instrumentalización política. Un festival que nace do colectivo social e activista de Abrente para un tempo novo no cal seguir loitando contra quen fomenta e apoia o discurso do odio e a censura. Unha balsa para a liberdade de creación e expresión.

A MIT quere agradecer este recoñecemento, que reforza ademais a imaxe positiva do conxunto de todas as artes escénicas galegas, nun momento de especiais dificultades para a Cultura en Galicia.
MIT Ribadavia