Un cento de empresas galegas ofrece material de protección fronte ao covid-19 a través da plataforma online Marketplace

Conde agradeceu o compromiso das numerosas empresas galegas que están a botar unha man contra o Covid-19, poñendo todos os medios dos que dispoñen ao servizo da saúde pública e da protección dos traballadores e cidadáns. Segundo sinalou, están a constatar que a fórmula da colaboración público-privada amplifica o alcance das medidas adoptadas fronte ao coronavirus, ao tempo que poñen de manifesto a capacidade innovadora da industria galega.
Por outra banda, Conde apuntou que a Administración autonómica realiza hoxe o reparto do segundo envío de máscaras a pemes e autónomos para chegar así aos dous millóns repartidos. Unha actuación que se desenvolve en colaboración con preto de 50 asociacións empresariais, clústers e outras entidades para garantir “que a volta ao traballo se estea desenvolvendo con todas as garantías” e “co equipamento de protección que é preciso”.
A Xunta tamén ten en marcha unha nova liña de axudas para pemes e autónomos dotada con 2,5 millóns de euros e destinada a impulsar a reorganización produtiva das empresas galegas para facer fronte á emerxencia sanitaria, con apoios de ata 100.000 euros para facilitar as transformacións necesarias para que leven a cabo a fabricación inmediata de material de protección.
Xunta de Galicia