Skip to main content

ADEGA considera desatinadas as declaracións do Conselleiro Núñez Feijoo

Plan Galicia: o desenvolvemento deste Plan suporía unha agresión ecolóxica ao medio ambiente galego, de proporcións comparábeis ó Prestige, por apuntarse a unha política de transportes depredadora cos recursos naturais e completamente insostíbel, que afonda nas causa de desastres como o Prestige ou o cambio climático: o consumo irresponsábel e insostíbel de petróleo.
Efectos ambientais:
1.- os efectos ambientais dunha marea negra como a acontecida só se superan co paso de moitos anos. Os efectos producidos nos ecosistemas mariños son moi graves e durarán décadas. O auténtico problema da marea negra está por vir, referímonos os efectos subletais dos contaminantes existentes no fuel.
2.- Segue a chegar fuel as costas atlánticas, dende Galicia ata a Bretaña francesa, polo que o impacto inicial da marea aínda se está a vivir.
3.- Queda aínda chapapote no mar, á deriva e no pécio.
Afeccións económicas: As afeccións á pesca e marisqueo ata o de agora poden considerarse como mínimas en comparación co que vai a acontecer ao longo da próxima década debido ós efectos subletais dos hidrocarburos aromáticos contidos no fuel do Prestige. Para soster esta afirmación tan só hai que analizar experiencias con anteriores mareas negras (tanto a nivel internacional como a nivel galego). Ademais neste intre, os danos ó turismo xa son evidentes.
Superación psicolóxica: cabe preguntarse sobre a superación sociolóxica da catástrofe posto que esta ten que ver co medio ambiente e a economía, e estes dous aspectos vanse ver terriblemente danados. Ignoramos qué asesoramento ten o Conselleiro de profesionais da Psicoloxía para dar tais opinións e cualificar de neuróticos obsesivos a unha parte da poboación galega.
Galegos e galegas: tal e como no seu día o Presidente Aznar negoulle a condición humana ós que discrepaban (chamándolles cans), o Conselleiro Núñez Feijoo está a negar a condición de galego ou galega a aqueles que entendemos que o Prestige segue a ser un problema grave para o medio mariño galego así como para o conxunto da sociedade galega.
Entendemos que as declaracións de Núñez Feijoo seguen a estela do seu compañeiro de Goberno, Pérez Varela, e só responden a:
unha ignorancia absoluta, ou ben a unha campaña de intoxicación informativa premeditada co fin de facernos esquecer á responsabilidade que ten o Goberno da Xunta na orixe do problema e na disposición de medios para superar a catástrofe (disposición que deberá durar anos).
Adega