Bota a andar o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/pan-galego.jpg)
Segundo a orde publicada hoxe, as pezas de pan amparado poderán adquirir a forma de fogaza, rosca, bolo ou barra. Canto ao sabor e o aroma, o pan distinguirase por ser moi aromático e por contar cun sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente ácido. No tocante á conservación das súas propiedades, a súa forte codia actuará de protección e permitiralle ao produto manter durante horas a súa consistencia dura e crocante, así como a textura esponxosa da miga. Deste xeito, poderase consumir pasadas 48 horas desde a elaboración, ou mesmo despois.
No relativo á supervisión das características e a orixe do pan, a Consellería do Medio Rural aprobará, tras a proposta do pleno do Consello Regulador, o programa de control, os procedementos operativos, as instrucións técnicas e os formatos relativos ao proceso de control e certificación da IXP Pan Galego, que serán integrados no manual de calidade. Os controis basearanse en inspeccións ou auditorías das parcelas de cultivo, almacéns de gran, muíños e instalacións de elaboración e despacho, revisión da documentación e un control do cumprimento dos parámetros físicos descritos no Regulamento. Así, poderán levarse a cabo comprobacións para verificar as características das distintas fariñas empregadas na elaboración do Pan Galego, así como analíticas do propio produto.
Canto ao Consello Regulador da IXP, consta dunha presidencia e dez vogalías, ocupadas tres por representantes do sector produtor de trigo, dúas por representantes dos muíños e cinco por titulares das panaderías. Este Consello abrirá agora os distintos rexistros, para ter identificadas tanto as parcelas de cultivo e almacéns de gran, como os muíños e as instalacións de elaboración e despacho de Pan Galego, co obxectivo de que este produto amparado poida atoparse no mercado este mesmo ano.
Apoio da Xunta
A aprobación do Regulamento e do Consello Regulador da IXP Pan Galego prodúcese despois de que o produto xa quedara incluído no Rexistro Comunitario das Indicacións Xeográficas Protexidas, o que supuxo o seu recoñecemento no ámbito europeo. Todos estes trámites foron posibles logo dun proceso iniciado oficialmente en 2015 pola Federación Gallega de Asociaciones de Fabricantes de Pan (Fegapan) -se ben os traballos para acadar este logro viñan de anos atrás- e no que sempre contaron co apoio do Goberno galego.
A Xunta e o sector agardan que esta medida beneficie un gran número de pequenas panaderías distribuídas por toda a comunidade, nomeadamente nas zonas rurais. Ademais, esta indicación incentivará o cultivo de trigo en Galicia, o que terá un impacto positivo na mellora das rendas dos agricultores, na recuperación do rural e mesmo para anticiparse aos incendios forestais, ao actuar os terreos de labradío como barreira fronte aos lumes.
Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego