Skip to main content

A Fundación Juana de Vega concede o seu Premio de Intervencións na Paisaxe á recuperación de A Míllara (Pantón)

Nesta ocasión, e por mor das restricións contra a pandemia, o acto contou unicamente coa asistencia de premiados e xurado. O xurado do certame estivo presidido pola ex coordinadora do Máster de Arquitectura da Paisaxe e do Grao en Paisaxe da Universidade de Santiago de Compostela, María Isabel Iglesias Díaz. Como secretaria actuou a directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Isabel Aguirre de Urcola. Os vogais foron o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte; o profesor de Estética e Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, Federico López Silvestre; o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, secretario do Consello Galego de Enxeñerías e membro do Comité de Expertos da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza Martínez, e a arquitecta Covadonga Carrasco López, socia do prestixioso estudio Creus e Carrasco, xa galardoado con este certame.

Nesta edición, o xurado concedeu por unanimidade o Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe ao traballo “Recuperación do núcleo rural de A Míllara e os seus viñedos”, na parroquia de Vilar de Ortelle (Pantón, provincia de Lugo). A actuación foi desenvolvida na súa totalidade por Viñedos del Miño, S.L., baixo a dirección de Manuel Rodilla del Barrio. O xurado valorou o salientable resultado acadado, dándolle unha nova vida a unha aldea abandonada no corazón da Ribeira Sacra, con criterios de sostibilidade e de respecto ao patrimonio construído preexistente. A recuperación foi feita cos mesmos sistemas de edificación tradicional que alí confluíron. Na vella aldea reconstruíronse as vivendas, os espazos públicos así como a adega antiga, que segue a traballar coa uva de castes tradicionais cultivadas nos socalcos do lugar, que se recuperaron e ampliaron en espazos veciñais. Deste xeito, engade o xurado que se respectaron os sistemas construtivos destes elementos agrícolas que caracterizan a paisaxe privilexiada da comarca. O conseguido, despois de dez anos de traballo, é un sobranceiro exemplo de recuperación patrimonial e integración na contorna natural, axustada á herdanza do pasado.

ACCÉSITS

O xurado decidiu conceder dous accésits. O primeiro deles foi para a intervención “Posta en valor dos recursos paisaxísticos e arqueolóxicos do Castro de Doade e a súa contorna”, dirixida pola arqueóloga Vanesa Trevín Pita e promovida pola Asociación de Amigos do Museo da Casa do Patrón. O xurado destacou a calidade do traballo desenvolvido neste espazo ubicado na comarca do Deza (Pontevedra), e o esforzo dunha asociación local para poñer en valor un castro que representa o modelo preponderante de agrupación humana do pais. Esta posta en valor inclúe o mantemento dun museo cos obxectos recuperados, a integración do castro e outros elementos da cultura megalítica en rutas de sendeirismo sinalizadas, así como a realización de actividades educativas complementarias para difundir o coñecemento do modo de vida dos nosos devanceiros.

O segundo accésit foi para o traballo “Rehabilitación da edificación existente destiñada a pensión de peregrinos”, concretamente a pensión Abeiro da Loba, en Madelos (Sobrado dos Monxes), realizado por Sabalobal, S.L., sobre proxecto e dirección de obra de Miguel Estévez Gómez e Luciano González Domínguez. O resultado é, segundo as valoracións do xurado, un edificio orixinal, moi ben deseñado e adaptado aos seus fins, que recupera muros e elementos de pedra dunha edificación rural preexistente e intégrase nun souto de castiñeiros. O xurado tamén salientou a prolongación do bosque por toda a casa, a través do emprego de madeira executada con técnicas herdadas dos sistemas de construción tradicionais.

Por outra parte, o xurado tamén estimou importante destacar, nesta convocatoria, a recuperación levada a cabo no Pazo de Toubes (provincia de Ourense) e a súa contorna, cun gran protagonismo dos percorridos de auga, fontes así como dos socalcos de viñedos da variedade treixadura. Un traballo realizado pola adega cooperativa Viña Costeira, baixo proxecto e dirección dos arquitectos Juan A. Caridad Graña e Isidro López Yáñez.
Fundación Juana de Vega