Skip to main content

'Ponte... nas ondas!' celebra o seu 25 aniversario

Exemplo dos máis recentes apoios recibidos é o videoclip que o grupo vocal Voces del más acá realizou esobre tres temas musicais que Ponte...nas ondas! incluiu nos disco-libros Meninos Cantores ( www.meninoscantores.com ) e Na ponte ( www.naponte.com ): son as pezas Máis perto (composta por Uxía e Segundo Grandío ), Ponte deste lado ( con Guadi Galego e Vozes da rádio ) e A ponte ( do cantante e compositor brasileiro Lenine).

A adaptación realizada por Voces del más acá para esta nova peza, mestura ritmos e sons da lusofonía desde a bossa nova á muiñeira, do portugués de Brasil ao galego e portugués europeo, unha fusión empregando como elemento común o instrumento universal: a voz. A música tende pontes coa experiencia de Ponte...nas ondas! no seu 25 aniversario. (Vídeo aquí: https://i.gal/JsbpI )

En 2020 continuou o traballo divulgativo nos centros educativos

Malia a conxuntura complexa de 2020 nos centros escolares, que esixiu aprazar os eventos festivos do 25 aniversario do proxecto sociopedagóxico, Ponte... nas Ondas! puido continuar algunhas das súas actividades. Así por exemplo, durante o confinamento nos fogares puxo a disposición dos centros de xeito organizado amplo material didáctico para o uso de xeito interactivo nos computadores.

A difusión do patrimonio inmaterial galego-portugués é unha das liñas clave do traballo de Ponte...nas ondas! favorecendo a súa transmisión ás novas xeracións e a súa posta en valor. Nese sentido, permaneceu aberta a convocatoria da terceira edición do Certame “As imaxes do patrimonio“, que moitos docentes aproveitaron para inserir nas súas propostas didácticas en liña, aproveitando para poñer en valor a colaboración coas familias durante a primavera. O fallo deste Certame dáse a coñecer en Galicia e Portugal coincidindo co Día Internacional do Patrimonio, o 13 de novembro. Esta convocatoria, xunto cos Certames de Recolla do Patrimonio ou as Mostras da Oralidade Galego-Portuguesa, ten sido unha das mellores ferramentas para contribuír a divulgar e a transmitir o patrimonio común ás novas xeracións.

Por outro lado, ao longo deste ano continuaron os obradoiros de radio escolar nos centros educativos para incentivar o uso deste medio nas aulas e a fomentar a aprendizaxe da realización de podcasts por parte do alumnado.

Unha ponte que se alongou

Desde as ondas da Frecuencia Modulada daquel lonxano ano 1995 aos actuais podcasts que se moven polas redes sociais, Ponte...nas ondas! ten achegado a maxia da radio e o universo do patrimonio inmaterial á miles de xoves de Galicia e Portugal.

Aquelas chamadas telefónicas desde as escolas aos estudios de radio desde onde se desenvolvía a anual xornada radiofónica interescolar vivíanse con emoción desde os centros educativos que seguían a programación desde os radios e os transistores nas aulas.

No ano 1997, facíase a primeira emisión por Internet, da man dun innovador profesor que poñía en stremaing o sinal da xornada da radiofónica. A partir 1998 sería a compañía Telefónica quen faría o streaming de audio e vídeo, a primeira emisión audiovisual dunha experencia educativa non profesional. Tamén se realizarían videoconferencias com Brasil e com Mozambique, entre outros países.

Actualmente celébrase o Día Mundial da Radio, cada 13 de febreiro e desde o portal ESCOLAS NAS ONDAS (www.escolasnasondas.com) divúlganse os traballos audiovisuais das escolas galegas e portuguesas.

O patrimonio nas ondas

Foi a partir do 2001, cando a UNESCO fixo as primeiras proclamacións das obras mestras do patrimonio inmaterial da humanidade cando desde Ponte...nas ondas! se iniciou un traballo sistemático de reflexión teórica e práctica sobre o patrimonio oral galego-portugués que culminaría coa presentación da primeira candidatura multinacional promovida por centros educativos da Unión Europea diante da UNESCO, presentada formalmente en 2004 e avalada por Portugal e España

Recoñecementos a unha traxectoria

• En 2004, coincidindo co 10 aniversario, o European Bureau for Lesser Used Languages ( EBLUL ) recoñeceu o traballo de Ponte...nas ondas! como un exemplo de “boas prácticas”.
• En 2005, a Xunta de Galicia outórgalle o premio Galicia de Comunicación á “Mellor iniciativa no campo da comunicación “. A Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) tamén recoñeceu o seu labor co premio “ Bos e xenerosos “ destinado a persoas e entidades que desenvolven un importante traballo cultural.
• En 2013, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte de España recoñecen a experiencia como “Buena práctica Iberoamericana” pola calidade da experiencia, pola súa orixinalidade e creatividade e por explorar perspectivas innovadoras, apropiadas ao contexto no que se desenvolve e adaptable a outros medios e países·”
• No mesmo ano, a Asociación é nomeada “Juiz Honorario do Couto Mixto “ (enclave transfronteirizo entre Galicia e Portugak ) polo seu trabllo co patrimonio inmaterial galego-portugués.
• En 2014 recibe do grupo PRISA, o Premio ONDAS á “mellor cobertura do patrimonio inmaterial galego-portugués” .
• En 2016, a UNESCO recoñece a Ponte...nas ondas” como ONG consultora para o patrimonio cultural inmaterial.
• E en 2017 a Fundación Peña Novo outorga o premio “Peña Novo” pola transmisión do patrimonio e a defensa da lingua.
Ponte... nas ondas!