Skip to main content

Os galegos depositaron no ano 2020 unha media de 322 envases de vidro por minuto

Outra cifra que demostra o esforzo dos galegos pola recuperación deste tipo de refugallos, nun ano marcado pola Covid-19, é o feito de depositar máis de 463.000 envases de vidro ao día.

Atendendo aos resultados por provincias, A Coruña e Pontevedra son as que rexistraron unha maior porcentaxe de reciclaxe, 18,1 kg/hab e 17,7 kg/hab, respectivamente; seguidas de Lugo e Ourense, cunha media de 15,6 kg/hab.

Este material recuperado foi depositado polos cidadáns na rede de puntos de reciclaxe dispoñible actualmente, con 16.970 contedores verdes repartidos ao longo da xeografía galega. Ademais do vidro depositado nos contedores tamén se recuperaron 20.600 toneladas de vidro depositadas na bolsa negra e recuperadas nas instalacións do Complexo Medio Ambiental de Sogama en Cerceda, co fin de reintroducilas no ciclo produtivo para fabricar novos envases.

A reciclaxe de vidro non foi allea á consecuencias da Covid-19. En termos absolutos, en 2020 rexistrouse un descenso nas toneladas recollidas, un 5% respecto da cifra de 2019, e en liña coa media estatal (-6%), debido aos peches e restricións do turismo en xeral e do sector Horeca en particular. En España, recolléronse a través do contedor verde un total de 843.049 Tn de residuos de vidro, polo que a media por cidadán sitúase nos 17,8 kg (uns 61 envases por persoa).

Cómpre lembrar que o sector Horeca (Hostalería, restauración e catering) é responsable da xeración de máis do 50% dos envases de vidro do mercado, polo que os resultados de 2020 poñen de manifesto o esforzo realizado polos galegos nos seus fogares e como o hábito de reciclar se consolida entre a poboación.

Beneficios directos

Durante o ano 2020, os galegos demostraron unha vez máis o seu alto nivel de compromiso co medio ambiente e a importancia de coidar do mesmo.

Así, a reciclaxe de envases de vidro -ademais de ser un exemplo perfecto do modelo de economía circular- evitou a emisión de 40.588 Tn de CO2 equivalentes a retirar 18.951 coches da circulación durante un ano; evitar a extracción de 83.976 toneladas de materias primas da natureza equivalentes a máis de 8 veces o peso da Torre Effiel; e aforrar 49.980 MWh de enerxía, é dicir, o equivalente ao consumo enerxético de todos os hospitais de Galicia durante máis de dous meses.
Ecovidrio