Skip to main content

Veterás poéticas galega e iraquí no próximo recital de Poetas Di(n)Versos

A primeira das citas de maio terá lugar, así, este vindeiro luns día 10. Os convidados chegarán nesta ocasión dende Vigo e dende Bagdad. Alí naceron, en 1948 e en 1968 respectivamente, Vítor Vaqueiro e Abdul Hadi Sadoun, dous fondos coñecedores das tradicións literarias nas que se inscriben –a galega e a iraquí, en lingua árabe– e veteranos autores con nutrida obra ás súas costas.

Vaqueiro é ademais narrador, ensaísta, fotógrafo, historiador da fotografía e divulgador da cultura tradicional galega, licenciado en Química e Doutor en Ciencias da Comunicación. Como poeta recibira o Premio Esquío e o da Crítica Española, e os seus últimos poemarios son Palavras a Espártaco (2015) e 1968 (2018). Como cofundador do Centro de Estudos Fotográficos, comisariou as Fotobienais de 1984 e 1986. Mais dirixiu o Arquivo Pacheco entre 2007 e 2011.

Pola súa banda, o iraquí Abdul Hadi Sadoun é escritor e un dos grandes hispanistas actuais chegado do mundo árabe, doutorado en Filosofía e Letras pola Universidade Autónoma de Madrid. Imprescindible divulgador da poesía iraquí en España e tradutor de máis de trinta libros da mellor poesía en español, incluídos Machado, Becquer, Borges, Lorca ou Alberti. Polo seu propio traballo poético recibiu, ademais, distincións como a II Bolsa Antonio Machado (Fundación Antonio Machado, 2009), o título de Hóspede distinguido da Cidade de Salamanca (2016) e a IX Distinción Poetas de otros mundos (Fondo Poético Internacional, 2016).

Con 90 prazas permitidas de público presencial, non se espera que ninguén quede fóra deste acto aberto e gratuíto, coas debidas medidas de seguridade pero tamén retransmitido por streaming. Unha libraría da cidade volverá poñer ao dispor dos lectores e lectoras os títulos dos convidados, listos para estampar eventuais sinaturas nos exemplares.

Patrocinado polo Servizo Municipal de Bibliotecas da Concellería de Cultura do Concello da Coruña, o ciclo mensual POETAS DI(N)VERSOS –Premio da Crítica de Galicia á Mellor Iniciativa Cultural en 2014– comezou a súa edición número doce o pasado outubro e celébrase de xeito interrompido ata o mes de xuño.
Poetas Di(n)versos